Torre de San Xurxo de Mourazos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na aldea de San Xurxo, onde na actualidade se ergue a igrexa de San Xurxo de Mourazos (do século XVIII, e agregada á parroquia de Santalla de Rairiz no ano 1890) e o cruceiro (do século XIX) considérase que estivo emprazada a desaparecida Torre de San Xurxo, pertencente ao conde Sancho de Ulloa e derrocada polos Irmandiños no ano 1467. Aparece nomeada nun documento do ano 1214 no que o rei Alfonso IX dona á igrexa de Santiago a Terra de Abeancos. Tamén aparece documentada no Preito Tavera-Fonseca datado no ano 1525.
Na actualidade non se conservan restos desta torre, nin doutras estruturas anteriores, a pesar de que se considera que nese emprazamento con forma de outeiro, proxectado sobre o curso do río Ulla, houbo un castro. O que si se pode ver con claridade, son unhas penas situadas a poucos metros da igrexa (no extremo norleste), que presentan dúas pías artificiais mutiladas e escavadas na superficie das mesmas, de función e cronoloxía indeterminada, pero de feitura inequivocamente artificial ou antrópica, que contan con folclore asociado ao pobo mítico dos mouros, que as utilizaban para darlle de beber e comer ós cabalos, segundo a tradición popular.
Ademais das referidas referencias orais non se perciben elementos que permitan concretar algún de ditos supostos: castro e asentamento dunha fortificación medieval.
O que se pode ver no presente son boas mostras de arquitectura rural, o cruceiro do século XIX e o templo de san Xurxo, do século XVIII, nun escenario axeitado como área recreativa onde perviven exemplares de castiñeiro centenarios.
Tamén podemos observar ó carón da igrexa, pola banda norte, a unha distancia de 2,80 metros, uns afloramentos de gneis, que levantan unha altura de 1,50 metros respecto á superficie do terreo. Neses afloramentos, que non se poden examinar na totalidade por estar parcialmente invadidos de vexetación, podemos observar restos dunhas pías eminentemente artificiais.
O que máis chama a atención de ditas pías, ademais do esmero e coidado na súa feitura, é o feito de atoparse dun xeito semi-exento (debido a que tamén foi labrada a rocha pola súa banda exterior, probablemente coa finalidade de enfatizalas e realzalas). Na actualidade poden verse dúas pías pareadas e xemelgas e restos dunha terceira, sen poder descartarse que poida haber máis no conxunto do afloramento. Tamén chama moito a atención a existencia dun xeito de escaleira de acceso ás pías pola banda sur da peneda, consistente nun modo de extracción da rocha constituíndose unhas bancadas.
As pías xemelgas contan cunha separación de tan so 13 cm. A situada máis ó sur conta cun diámetro de 44 cm e unha profundidade de 26 cm. A súa parella (a da banda norte) conta con 40 cm de diámetro e un fondo de 27 cm. O conxunto, pola súa cara externa presenta unha altura de 35 cm, o que da lugar a un aspecto realzado e prominente. A unha distancia de 1,30 metros ó norleste aparecen restos do arco dunha terceira pía, coa súa banda exterior igualmente resaltada. O arco conservado conta cunha dimensión de 37-38 cm e un fondo de 11 cm, levantando pola súa cara exterior un total de 18 cm.
Xa dende o punto de vista do folclore e da tradición oral as referencias recollidas aluden a que se trata dunhas pías, traducidas en bebedoiros, nas que se lles daba de comer e beber ós cabalos dos mouros. Descoñecemos realmente o uso das citadas pías, pero cabería a posibilidade de estar ante algún elemento concibido para prácticas de culto asociadas ó ritual cristián.
Xosé Manuel Broz Rei, en “Santiso na Terra de Abeancos” (2016) recolle a seguinte referencia “... alí os arrieiros, e os mouros dábanlle de beber e comer ós cabalos... por alí, á beira do río, hai unha pedra cun burato que lle chaman a Pena Furada, que era onde prendían a corda para poder pasar coa barca dunha beira á outra, porque non había ponte...”.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.