Capela de San Antonio de Trasmundi

Capela de san Antonio de Trasmundi

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Tomé de Castro
Situación detallada: 
Trasmundi
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 10,62´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 5,68´´ W
X: 
579.744,40
Y: 
4.754.190,88
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta pequena capela situada na aldea de Trasmundi atópase en estado de abandono e precariedade.

Correspóndese cunha sinxela edificación fundada no ano 1782 por Andrés Rodríguez Villanueva, veciño da aldea que tamén foi propietario da casa con patín situada ó carón da capela.

Trátase dunha construción de planta rectangular cunha porta principal de acceso no oeste e cunha segunda entrada no lenzo sur, no que tamén se abre unha ventá de dobre derrame. Está realizada en aparello de cachotaría recebada nos lenzos dos extremos e enfoscada nos lenzos laterais. Nos esquinais os aparellos son de canteiría. 

A portada principal de deseño sinxelo, conta ademais dunha porta de entrada alintelada, á que se accede mediante unha escalinata de seis chanzos, dunha ventá sobre ela e dunha espadana cunha soa troneira para unha campá. 

O muro leste, ou do testeiro, é cego e está rematado por unha sobrepena de canteiría e coroada por unha cruz de pedra de deseño florenzado e carente de figuración.

No interior existe un retablo de estilo Neoclásico (de finais do século XVIII),  repintado e en mal estado de conservación, que acolle ás imaxes de San Antonio de Padua e un Neno Xesús (ambas do século XIX).

Tamén no interior se dispón unha tribuna de madeira a modo de balconada con balaustres lisos de sección cadrada. O armazón do teito está realizado con tercios e puntóns de madeira, que serven de entramado dos tablóns de asento das tellas. Este armazón está encalado, pero presentando un alto índice de deterioro.

O estado de conservación desta capela é bastante precario, posto que os lenzos murarios están invadidos por hedra, os recebos exteriores presentan desconchóns, as fiestras carecen de cristais e o tellado ten moitas tellas movidas e fracturadas, o que fai que entre a auga no interior da capela e que ademais se esté deteriorando de xeito acelerado o armazón de madeira da cuberta. O retablo tamén presenta  igualmente un acusado estado de desperfecto.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

Outros elementos do catálogo