Porta con mochetas en Rielo

Porta con mochetas en Rielo

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santiago de Xubial
Situación detallada: 
Rielo
Cronoloxía: 
Idade Media/Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 6,11´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 32,25´´ W
X: 
578.101,58
Y: 
4.757.746,46
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Rielo, pertencente á parroquia de Xubial, existe un fermoso exemplo de porta de probable cronoloxía medieval, sendo esta unha das portas antigas que aínda se conservan nesa parroquia. Esta porta ábrese nunha parede de aparello de cachote moi ben executada, na que se alternan pedras de bo tamaño perfectamente dispostas e racheada mediante pequenas pedras que axudan ó seu estabilizado e lle dan unha especial graza ó paramento.

Esta porta correspondente a unha edificación de planta baixa e orientada caro ó Sur, resposta ás típicas pautas de portas medievais de edificacións rurais, que en ocasións ían precedidas dun porche adiantado que favorecía ó acceso á vivenda e ás cortes laterais.

Esta porta conta con grandes sillares de cantería e con ménsulas ou mochetas, sustentantes do lintel con perfil en proa, como era acostumado en canzorros do románico tardío. Sobre esta porta disposta disponse un lintel de feitura troncopiramidal cun entalle lateral no extremo esquerdo no que se adapta o aparello de cachote. Esta portada conta cunha vella porta de madeira de castiñeiro, dunha soa folla e composta por catro táboas de castiñeiro pintadas en cor azul, bastante desgastadas e apodrecidas na parte inferior, aínda que a soleira da porta se sitúa nun plano bastante elevado respecto ó chan do exterior, podendo corresponderse a un rebaixe posterior do terreo ou a unha sobreelevación da soleira materializada nun momento máis tardío. Esta hipótese podería ser a máis factible, debido á precaria execución do muro de cachote situado baixo o limiar, que nos indica unha reforma realizada máis apresuradamente.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Meldie”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado o ano 2001.

Outros elementos do catálogo