Casa de Pardo

Casa de Pardo

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa San Pedro esquina Rúa da Moa, Melide
Cronoloxía: 
Inicios do século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 51,22´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 57,65´´ W
X: 
580.314,84
Y: 
4.751.759,68

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na rúa de San Pedro mantense en bo estado de conservación este inmoble decimonónico, realizado en aparello de sillaría de granito, de estética compostelá, e marcado carácter urbano.  É o único edificio desta tipoloxía existente na vila, o que lle outorga unha especial notoriedade. 

Xosé Manuel Broz ten recollido parte da historia desta casa, e di que "foi propiedade da familia Feijoo, importante familia de letrados a quen lla mercou Don Manuel García (escribán e procurador da Real Audiencia de A Coruña), que a reedificou empregando pedra da antiga e primitiva Casa de Corbelle, onde seu pai era administrador". 

A casa conta cunha monumental fachada aberta á rúa de San Pedro, e disposta en tres alturas (planta baixa e dous pisos) na que se destaca a obra dos canteiros, especialmente nas soleiras dos balcóns dos pisos superiores e na cornixa moldurada do aleiro. Tamén é reseñable o esquinal achafranado, rematado por unha peza ornamental de feitura lanceolada, e con decoración a modo de folla nervada (moi similar a de dous signos lapidarios existentes nas ménsulas que sosteñen os arcos faixóns da nave da igrexa parroquial de Melide). Como elemento distintivo da importancia do inmoble, ata se lle chegou a colocar no segundo piso, entre as ventás, unha pedra concibida para labrarlle un escudo nobiliario, que non se chegou a executar (na actualidade pode distinguirse claramente dito soporte heráldico).

Os balcóns, realizados en ferro e atirantados  á parede, para favorecer  a súa suxeición e estabilidade, constitúen unha obra mestra realizada en forxa, da man dun dos máis prestixiosos ferreiros que houbo en Melide, coñecido como Juan Bugliot (de orixe italiana coñecido como Buglioti ou Bolioti, que veu co exército de Napoleón, xa co seu apelido convertido en Bugliot). Este ferreiro afincado na Coruña, foi contratado para realizar os balcóns desta casa de Don Manuel García, afincándose posteriormente na vila, e deixando feita unha prolífica obra (como aínda se pode contemplar noutros balcóns de Melide).

A tipoloxía dos balcóns desta casa responde a modelos que se estaban a realizar na cidade da Coruña. O deseño consiste nunha sucesión de rectángulos verticais enlazados mediante "Ces" reviradas nos extremos, a modo de volutas, e fixadas mediante remaches.    

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide". Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello". Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

 

Outros elementos do catálogo