Portada do Pazo de Liñares

Portada do Pazo de Liñares

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santiago de Liñares
Situación detallada: 
Liñares
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 14,42´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 32,92´ W
X: 
576.827,29
Y: 
4.748.733,42

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Da Casa Grande de Liñares o máis destacado é esta monumental portada, que se atopa nun precario equilibrio, posto que a súa arquitectura ameaza ruína. 

Consta dun primeiro corpo realizado en  aparello combinado de cachotería e canteiría de granito. Nel destácase a porta de arco de medio punto composto por nove doelas, incluíndo a crave na que se representa en relevo o escudo da linaxe dos Varela, con tres flores de lis e tres varas, sobre unha venera (cuncha de vieira).

Sobre o arco disponse unha cornixa moldurada sobre a que se asenta un frontón triangular, coroado por pináculos rematados con bolas e flanqueado por dous merlóns trapezoidais. No centro do frontón aparece representado o escudo de armas do Pazo. Trátase dun escudo moi completo distribuído en catro cuarteis que reproducen no primeiro cuartel os emblemas dos Varela (cinco varas e tres flores de lis rodenado á roda dentada do martirio de Santa Catalina de Alexandría), tamén dos Varela a representación dunha torre no segundo cuartel, no terceiro cuartel o emblema dos Ulloa cos quince xaqueles e no cuarto cuartel o emblema dos Montenegro representado por unha M coroada. Estes blasóns superpóñense a un pergamiño e a unha cruz de Santiago acodada e coroados por un elmo e por unha man portadora dunha lanza no extremo superior esquerdo.

Atravesando a  portada accédese a un curro ó redor do que se dispoñen as dependencias do Pazo, actualmente convertido nunha casa de labranza de titularidade privada, e polo tanto de acceso restrinxido.

Dende a portada aínda se pode contemplar  un corredor porticado ou solaina, nunha edificación lateral,  e tamén unhas escaleiras monumentais e outro escudo de armas na fachada da edificación principal.  

As orixes desta casa remóntanse ó século XVI; iniciándose con Don Vasco López Varela e a súa dona Sabela López Ulloa, bisavós de Goros López Varela (cuñado do arcebispo Don Mateo Segade Bugueiro e pai do cabaleiro de Santiago Don Antón Varela Segade).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo