Portada do Hospital de Sancti Spiritus
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
No ano 2000, cando se adquire por subscrición popular o vello inmoble do hospital de peregrinos de Melide, para instalar nel a sede do Museo da Terra de Melide, procédese a recuperar a portada do antigo hospital, cuxas pedras estaban mutiladas, descolocadas e reaproveitadas como aparello de construción na fachada da vivenda.
Unha vez restituídas as partes das pezas mutiladas e recolocadas na súa posición orixinal, recuperouse unha portada monumental de tipoloxía medieval e alto valor patrimonial.
O hospital de Sancti Spiritus de Melide, fundado en orixe no ano 1375, foi reedificado no ano 1502 polo conde Sancho de Ulloa, reaproveitando pedras do Castelo de Melide derruído polos Irmandiños no ano 1467, polo que esta porta podería ser unha das entradas da fortificación.
Realizada en aparello de canteiría, consta dunha porta en arco de medio punto conformado por sete grandes doelas carentes de decoración, e flanqueada polos escudos da casas de Ulloa e de Castro, baixo os que se sitúan sendos sillares que recollen a lenda fundacional (escrita en castelán con caligrafía gótica): "ESTE OSPITAL MANDO COMENÇAR EL CONDE DE MONTERREI DON SANCHO DE ULLOA EN EL AÑO DE MILL E QUINIENTOS E II AÑOS RUEGUEN A DIOS POR SU ALMA".
Baixo a porta, no limiar do actual edificio, instalouse unha fiestra arqueolóxica na que poden verse os encaixes para os gonzos da porta, ademais das pedras de asento do desaparecido pavimento da soleira.
O hospital desenvolveu a súa actividade asistencial, para beneficio de peregrinos e pobres, entre o ano 1502 e o ano 1835, cando por mor da Desamortización de Mendizábal se marchan os frades do Convento de Sancti Spíritus, que o administraban e rexían. Dende o 26 de Maio do 2001 acolle as instalacións do Museo de Melide.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 1990.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Restauración da fachada do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus". Boletín nº 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Apuntes da historia de Melide: a fachada do Hospital de peregrinos de Sancti Spíritus". Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.
- Gómez Buxán, Cesar: "Debuxos do Melide de hai tres séculos. Descrición e notas heráldicas". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.