Cruceiro do Castelo

Cruceiro do Castelo

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
O Castelo, Melide
Cronoloxía: 
Fins do Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,02´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 6,21´´ W
X: 
580.121,45
Y: 
4.751.689,48

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O Cruceiro do Castelo é un dos dous que se conservan actualmente en Melide. Ata principios do século XX había un terceiro situado no cruce de estradas entre a Ronda da Coruña e a Avenida de Toques, na zona chamada Cruceiro que recorda a este elemento situado nun antigo cruce de camiños e que ainda pode ser visto nalguhna foto datada en 1915.

O Cruceiro do Castelo ou do Carme está situado ó leste da Capela do Carme, erguido sobre un afloramento da pena natural. Foi levantado no ano  1897 para as ofrendas e rogativas á Virxe do Carme. 

Correspóndese cun cruceiro moi estilizado, carente de figuración pero cun deseño ben coidado, polo que en conxunto tradúcese nun cruceiro moi equilibrado e harmónico.

Consta de cinco elementos:

- Unha grada ou chanzo asentado sobre a pena feita con bloques de canteiría, rectangulares e esquinas aristadas.

- Sobre o anterior aséntase un pedestal cúbico con remate moldurado conformando unha peana sobre a que se dispón o fuste.

- O fuste presenta sección cadrangular en senllos extremos, aínda que todo o corpo central ten sección octogonal.

- O capitel é moldurado carente de figuración.

- Por último a cruz é moi estilizada, de sección ochavada e remates florenzados. Nas interseccións da cruz dispóñense catro paos dispostos en aspa (poden ser palmetas, raios,... como tamén presenta o cruceiro de Saamil na parroquia de Vilouriz no concello de Toques). 

A pesar de atoparse no casco urbano de Melide, trátase dun elemento que pasa bastante desapercibido.

 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.

 

 

Outros elementos do catálogo