Cruceiro de San Cidre

Cruceiro de San Cidre

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
San Cidre
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 21,11 N
Lonxitude: 
7º 56´ 21,18´´ W
X: 
586.501,65
Y: 
4.758.310,37
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No alto do Coto de San Cidre, a unha altitude de 712 metros atópanse os vestixios da esmorecida Capela de san Cidre, substituída por outra de edificación recente.

Sobre os restos muro do testeiro da capela vella (extremo Leste), da que aínda se conservan varias fiadas do aparello de cachote dos seus muros, érguese o cruceiro, construído tal e como recolle Broz Rei “ O cruceiro de San Cidre fíxoo o Canteiro da Cabana, de Ordes, a comezos do século XX”. Así pois xa temos unha concreción respecto á data e autoría, mais non se coñecen referencias sobre as orixes da capela esmorecida.

Por parte do mencionado autor sábese tamén que “Desde moi antigo que se fai unha procesión o día 15 de maio, festividade de San Cidre”, procesión que sae da igrexa parroquial de Paradela, pasando polas aldeas de Buxán e por San Xiao do Monte, ata chegar ata a nova capela de San Cidre, na que se celebra a misa para, deseguido regresar coa imaxe do santo ata a igrexa de partida.

O cruceiro parte dunha peana ou pedestal de pedra tosca e sen labrar, que descansa sobre os restos de muro do testeiro da desaparecida capela. As dimensións desta pedra de basamento excede o grosor do muro sobre o que se ergue. O fuste ou varal é de sección octogonal cos extremos en sección cadrada. O capitel é moldurado e carente de figuración e a cruz é de liñas rectas, con caras e extremos recrucetados.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Os cruceiros da Terra de Melide”. Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses- Museo da Terra de Melide.

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”. Ano 2011.

-Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: “FolKlore de Melide” (Capítulo do “Terra de Melide”. Seminario de Estudos galegos, 1933).

-Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo. "A lenda da Capela de San Cidre". Publicado na web Galicia Encantada (Enciclopedia da fantasía Popular de Galicia). Ano 2015.

Outros elementos do catálogo