Xacemento da Pena Grande

Xacemento da Pena Grande

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Martiño de Oleiros
Situación detallada: 
Monte do Picón
Cronoloxía: 
Idade do Bronce

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 46,97´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 48,66´´ W
X: 
584.578,62
Y: 
4.753.530,79
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Pena Grande de Oleiros correspóndese cun dos xacementos arqueolóxicos máis singulares de toda a Terra de Melide. Sitúase nun rechán da vertente noroccidental do Monte do Picón, definido por un conxunto de penedías ou afloramentos naturais de rocha en disposición oval, formando unha especie de recinto ou anel, que se complementou cun sistema defensivo artificial, actualmente moi desfigurado. Este xacemento goza dun amplo dominio visual ó estar proxectado cara ó val do Río Furelos no seu curso medio.

No "Terra de Melide" (Seminario de Estudios Galegos, 1933), Florentino López Cuevillas da conta das estruturas defensivas que complementan as propias defensas naturais que conforman as penas aflorantes, que se traducen nun complexo sistema de muralla, parapetos e foxos intercalados, distribuídos en bancadas. Cuevillas refire a existencia dunha muralla de 2 mt. de ancho realizada con grandes pedras a modo de aparello ciclópeo, sucedida por dous parapetos construídos con amalgama de terra e pedras, que acadan unha altura de 2 mt. de alto, seguido dun foxo de 3 mt .de ancho colamatado nalgunhas partes e que nalgúns sitios sobresae da liña que conforman os parapetos citados. Como xa se indicou, hoxe resulta difícil de distinguir tal sistema defensivo, debido a tres factores fundamentalmente: por un lado a causa de reiterados procesos de destrución dos mesmos, producidos pola teima dunha "procura de tesouros" que tivo lugar na década dos anos 30 do século XX, que mesmo chamou a atención de Cuevillas e dos seus colaboradores, que consideraron que non debían amosar moito interese por este xacemento, para non motivar máis desfeitas por parte dos veciños do lugar. Por outra banda este xacemento tamén debeu ser canteira de aprovisionamento de aparello para facer os valados que abundan no entorno; e tamén resultou moi desfavorable a realización dunha enorme corta de minado na súa banda exterior norte, para unha futura captación de augas para abastecemento da parroquia, que finalmente resultou infructuosa (dita corta pode verse perfectamente na actualidade ).

O máis singular desta acrópole arqueolóxica é que no ano 1929, realizáronse escavacións furtivas nela achándose materiais cerámicos, entre eles un vaso completo, e tamén unha punta de xaveliña tipo Palmela, realizada en bronce que foi a parar a mans de Don Alfredo Álvarez, un dos precursores dos estudios arqueolóxicos desta bisbarra. xunto ó médico e erudito Don Eduardo Álvarez Carballido.

O achado produciuse segundo referiu álfredo Álvarez nunha "fenda aberta entre dúas das penedas que se carean pra o poniente", e que debido ó angosto do espazo os veciños motivaron que fora un rapaz de doce anos quen penetrara no interior, e que dita "cova do tesouro non era pol-o visto moi cómoda e o rapaz despois de remexerse dun lado pra outro meio engurruñado, voltou pra fora traguendo a punta de flecha...". Este tipo de Punta Palmela en realidade correspóndense máis como puntas de xaveliñas arroxadizas ou pequenas lanzas, que como puntas de frecha, e acostuman a aparecer no Campaniforme Tardío. Tamén no Concello de Toques apareceu outra similar, de xeito fortuíto no ano 1998 abrindo un  camiño forestal, na vertente septentrional do Monte da Pena Grande, onde se sitúa o conxunto de penedías coñecidas como A Pena Arada,  próximo á aldea de Buxán, na parroquia de Paradela, e segundo Gonzalo Meijide Cameselle, a cronoloxía situaríase nos primeiros estadios do Bronce Inicial, en torno ó 1800 a.C. (Actualmente exposta no Museo da Terra de Melide), mentres que á localizada no ano 1929 en Oleiros perdéuselle a pista e descoñécese o seu paradoiro.

Resulta moi complexo determinar a naturaleza arqueolóxica do xacemento da Pena Grande de Oleiros, pero fai pensar nunha especie de acrópole ou fortificación natural complementada por un sistema defensivo artificial, que a xulgar polo tipo de achados retrotráenos a estadios moi anteriores da Cultura Castrexa, que se desenvolve mil anos máis tarde. Por tanto vese que se trata dun asentamento provisto dun enorme interese que non foi estudado a conciencia, e que resultou enormemente alterado por actuacións varias moi desafortunadas e irresponsables.

BIBLIOGRAFÍA:

- López Cuevillas, Florentino: "Prehistoria de Melide", no "Terra de Melide", Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Meijide Cameselle, Gonzalo: "Unha punta palmela de Pena Arada, Buxán ,Toques". Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.

Outros elementos do catálogo