Casa con arco en O Porto

Casa con arco en O Porto

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
O Porto
Cronoloxía: 
Século XV-XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 39,51´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 33,84´´ W
X: 
580.793,46
Y: 
4.756.957,13
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta antiga edificación coñecida como a Casa de García, conta a tradición que foi unha casa reitoral. Non hai datos que o confirmen pero en todo caso non resulta cuestionable a súa manifesta singularidade.

Esta edificación con porta en arco carpanel, propio dos derradeiros tempos do Gótico e do comezo do Renacemento, é o único exemplo deste tipo de arcada existente en toda a Terra de Melide. Tamén propio deses séculos é a casa da Audiencia de Belmil, que conta cunha porta con arco conopial.

A casa de García atópase nun severo estado de abandono e ruína, posto que xa perdeu boa parte da súa cuberta, compartindo o mesmo destino que varias da mesma periodización existentes nesta bisbarra (a de Goiás en Vilouriz e a de Prieto en Paradela, ambas en Toques ou tamén a citada de Belmil en Santiso), o que supón a perda dos máis senlleiros exemplos de arquitecturas de finais da Idade Media e comezos da Moderna.

No tocante á de O Porto, son varios os aspectos que resultan relevantes, o primeiro deles é o seu emprazamento nunha zona de bolos graníticos aflorantes, o que lle confire un aspecto de casa-torre ou casa forte. O segundo é a propia porta en arco, realizada con grandes pezas de canteiría de granito con chafrán moldurado en media cana e a propia configuración do arco, constituído por catro pezas, dúas delas correspondenres ós salmeres que serven de suxeición de dúas doelas que actúan como crave de arco, e que contan coa particularidade de presentar dous entalles para encaixe nos salmeres de xeito que se consegue un estabilizado e ensamblado perfecto.

Tamén son relevantes dúas xanelas situadas no andar posterior, unha delas, a da esquerda, remarcada por grandes sillares de canteiría, probablemente reaproveitados, xa que o segundo andar parece corresponderse cunha fase posterior, a xulgar polo emprego dun aparello de cachotaría moito máis miúdo e pobre. Tamén destaca unha pequena xanela saeteira situada nun plano intermedio, que está enmarcada por dous sillares de canteiría, o da dereita tamén con entalle lateral, feito que tamén demostra que esas xanelas foron realizadas con material reaproveitado dunha arquitectura anterior. A ventá central é de fábrica contemporánea como se pode apreciar polo emprego de cemento do remarcado.

A cuberta, hoxe a piques de desmoroarse, foi trazada a tres augas, particularidade bastante chamativa ó tratarse dunha edificación exenta.

Pola banda leste conta cun módulo engadido de planta baixa, ó que se lle anexa a ábsida dun forno panadeiro, polo que se deduce que ese engadido foi concibido para albergar un forno para o servio da casa.

Tamén é importante resaltar que aínda se conserva a vella porta de madeira feita en dúas follas verticais, sendo a máis ancha (a da dereita) partida, como é habitual nas casas antigas. Na batente superior hai un crucifíxo de madeira como elemento de protección da casa.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

 

 

   

Outros elementos do catálogo