As Fervenzas

As Fervenzas

Información

Tipo: 
Patrimonio natural
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
As Fervenzas
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 44,26´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 52,97´´ W
X: 
585.749,30
Y: 
4.760.866,23
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

De todas as fervenzas existentes na Terra de Melide a de Brañas é a de máis sona, pero non quere dicir que se trate da única, posto que tanto no Furelos coma noutros cursos fluviais da cunca do Iso e do Ulla, existen saltos de auga naturais de singulares valores paisaxísticos.

A de Brañas sitúase no curso alto do río Furelos, a unha distancia de 650 mt. ó sur do lugar onde se forma o río, grazas ós aportes dos regos de Portosalgueiro e da Salgueira. Neste tramo o río aparece moi encaixado, formando un relevo abrupto. Precisamente o río Furelos, que recibe distintos nomes en función dos tramos, chámase nesta unidade xeomorfolóxica das terras altas como río das Fervenzas, que entre a caída deste salto de auga e a aldea de Paradela pasa a denominarse como o río do Estreito e a partir de Paradela o río Grande.

Proxectado sobre a cascada emprázase o Castro da Armada, sobre un esporón rochoso que cae directamente sobre o val do Furelos. Sobre este particular refire M. González Méndez que dende o Castro "se ofrece además, unha magnífica panorámica de la cabecera del valle del río Furelos, junto con una fervenza que discurre por la vertiente opuesta a la del Castro. Sus aguas, canalizadas en parte, permiten sostener los prados que la fuerte pendiente obliga a construir sobre terrazas: una de las soluciones de aprovechamiento agrícola tradicional característica de las zonas de montaña de la Galicia Norte. El agua también se aprovecha para hacer funcionar un molino recientemente restaurado".

Sobre ese muíño de maquía situado ó carón da cascada, a media ladeira e tamén a media altura respecto ó desnivel da fervenza, apunta Broz Rei que xa aparece documentado nunha escritura de venda redactada no ano 1848 polo escribán Ramón Varela Vilariño quen da conta de dita transacción nos seguintes termos: "venta a Andrea Martínez y Lorenzo... el molino Arinero que se halla a la orilla del río das Ferbencias, que se nombra nuevo, construído de reciente, maderado y tejado, con sus ruedas y disponible para moler".

Broz parafraseando informacións dun veciño da cercana aldea de Prados recolle que: "...había dous muíños, un de chispa, con pedras de croio -francesas- que facían chispas ó moer, era para o centeo. Outro de bazo, con pedra de gra normal, para moer o millo. Os dous estaban no mesmo muíño e foron construídos por Rafael de Nodar (en Friol), haberá uns cen anos e acabou de moer no ano 1975".  "Moía gra que viña desde o Mesón de Roade, de Brañas, de Montelén, e un día con outro chegaba a moer tanto que sacaba dous ferrados de pan coa maquía. Moía de inverno a diario pero de vran moía máis o muíño do Estreito, porque tiña máis auga".  Esa información reflicte moi ben a realidade das Fervenzas, xa que nos meses de maior pluviosidade é moi abondoso o caudal de auga que discorre por esta vertente escarpada, mesmo por máis dunha ducia de regos diferentes, formando unha cortina de escuma branca pola forza e grande precipitación da auga. Pero nos meses de estío apenas discorre auga, chegando practicamente a estar secas. Dese xeito o Furelos non chega a secarse de todo, grazas a que se alimenta dos caudais doutros cursos de auga tributarios situados augas abaixo destas fervenzas.

Respecto á altura deste salto de auga, non existen datos exactos, pero aproximadamente estaríamos a falar dunha caída en torno ós 40 mt., habendo quen considera que os pode superar. Para iso serían precisas unhas medicións topográficas que puideran determinar a altura, establecendo a cota exacta existente no inicio da caída respecto á da base da cascada.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

- Castro Rey, Manuel: "As fervenzas da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- González Méndez, Matilde: "La revalorización del patrimonio arqueológico. La definición de un programa para el ayuntamiento de Toques-A Coruña". Xunta de Galicia, ano 2000.

 

Outros elementos do catálogo