Marco de termo do Corisco

Marco de termo do Corisco

Información

Tipo: 
Marco e cruz de termo
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
Na zona divisoria entre as parroquias de A Capela e Paradela
Cronoloxía: 
Idade Moderna?

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 56,36´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 47,49´´ W
X: 
581.793,25
Y: 
4.761.190,02
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este marco de termo emprázase no límite da parroquia de Santa María de A Capela, nas proximidades do Alto do Corisco e nas inmediacións do Camiño Real do Bocelo (que une Melide e Boimorto con Sobrado dos Monxes a través de Toques). Correspóndese cun emprazamento "fronteirizo", posto que nesa zona ubícase a divisoria entre os concellos de Toques e Sobrado dos Monxes, e tamén das parroquias de Santa María da Capela e San Paio de Paradela (ambas en Toques). Vemos por tanto como esta parte da serra serviu de zona de tránsito histórica e tamén de límite territorial.

Este enclave conta cunha especial relevancia coma confín de termos territoriais, xa que non só existe este marco, senón que tamén hai unha cruz de termo gravada nun afloramento situado a uns 80 mt. ó nor-norleste deste marco. Tamén no Catastro de Ensenada (ano 1752), no Interrogatorio de Santa María da Capela, refírense os fitos delimitadores da mesma, nos que se inclúen o Alto do Corisco e o Camiño Real do Bocelo, xunto a outros referentes cercanos.

Este marco atópase na marxe sur do camiño que dende a estrada de Melide a Sobrado leva ata as aldeas de Castro de Lobos  e a Moruxosa (Toques), en pleno parque eólico do Bocelo.

Trátase dun monolito de granito moi tosco, cunha feitura amendoada con coroamento redondeado. A súa cara frontal é de tendencia aplanada, pero o seu reverso é máis irregular e imperfecto. Na súa superficie non se observan cruces de termo gravadas, nin tampouco caracteres gráficos. As medidas visibles son de 98 cm. de alto, por 1 mt de ancho e uns 50 cm. de grosor.

Na actualidade carecemos de documentación e de información oral respecto a este marco, polo que non podemos precisar de que sería delimitador, pero a súa proximidade á Cruz do Corisco induce a pensar que poden ser límites entre as parroquias de Santa María da Capela e San Paio de Paradela, ou dos termos municipais de Toques e Sobrado dos Monxes.

 

Outros elementos do catálogo