Hórreo en Catasol de Arriba

Hórreo en Catasol de Arriba

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Catasol de Arriba
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 43,39´´
Lonxitude: 
8º 2´ 39,04´´
X: 
578.018,70
Y: 
4.751.491,66
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Catasol de Arriba, ademais de dous interesantes muíños fariñeiros, coñecidos como muíño de Martín e muíño de Celestino, atopámonos cun interesante hórreo de tres estremas, duns 11 m de lonxitude e desenvolto no eixo norte-sur. Este hórreo aínda que amosa unha estrutura única semella estar concibido para tres propiedades diferenciadas, posto que conta con tres accesos independentes, traducidos en tres portas e tres escaleiras de pedra que se integran na cepa ou muro corrido de basamento do mesmo, sobre o que se apoian os catro pes ou perpiaños que sustentan a cámara do hórreo.

Aínda que non coñecemos a historia deste hórreo a súa faciana externa e o estado diferenciado de mantemento das súas tres partes inducen a pensar que a propiedade debe seguir sendo diferente.

A parte meridional é a que conserva un estado máis coidado e actualizado, posto que as carpinterías de madeira aparecen pintadas e tamén a cuberta do tellado conta con tella renovada. A parte central, á que se accede mediante unha porta lateral, como é lóxico, e aberta cara ó leste, en asociación a un tramo de escaleira de pedra acaroado ó basamento corrido da cepa, debéuselle anexionar á estrema sita na banda norte, posto que a continuación do seu remate aparece outra escaleira de pedra acaroada á cepa que debeu servir de acceso a unha porta aberta nese extremo, a non ser, que dita escaleira servira de acceso a un segundo hórreo situado a continuación do mesmo, porque resulta curioso que na mesma cepa continua, se construíran tres escaleiras diferenciadas.

A segunda das hipóteses podería ter sentido, entendéndose que a estrema da banda norte sexa unha prolongación serodia da central, toda vez que o seu pe e tornarratos son novos e realizados en cemento, e porque onde debera situarse a porta, atopámonos cun espazo tapiado e revocado de cemento, que pode corresponderse tanto á existencia dunha porta inutilizada ou a un testeiro pechado xa de orixe.

O conxunto do hórreo resposta ás pautas propias da Terra de Melide no que se conxuga o emprego da pedra para os elementos sustentantes e de carga da cámara coa carpintería de madeira para os xugos, mesas, ladeiros laterais, portas e armazón do tellado.

Neste hórreo sitúase sobre o cumio do tellado, no seu extremo sur, unha cruz de ferro realizada en forxa.

O basamento do hórreo ou cepa, está realizado en aparello de cachotaría concertada co emprego de grandes pedras irregulares cun sistema de racheado a óso. O seu remate meridional correspóndese cunha escaleira de dez chanzos que se apoia e integra no propio macizado da cepa corrida. Trátase da escaleira que serve de acceso dende a superficie do terreo á porta existente no remate do tramo sur da cámara. As outras dúas escaleira, como xa se indicou anteriormente, correspóndense a tramos adosados lateralmente e debido a unha menor cota por mor do ascenso da superficie do terreo, presentan un menor número de chanzos, habendo seis na escaleira de subida ó tramo central e de cinco no do extremo norte, que como ben se dixo, descoñecemos se serviría de subida para outro hórreo situado a continuación deste e hoxe desaparecido ou de acceso á cámara da estrema norte.

BIBLIOGRAFÍA:

- Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide VI. Publicado no Boletín nº 29 do CEM-MTM, ano 2016.

Outros elementos do catálogo