Casa de Calvo

Casa de Calvo

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Melide, Rúa Progreso nº 14
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,59´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 57,49´´ W
X: 
580.319,06
Y: 
4.751.709,29
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa de Calvo constitúese coma un dos inmobles máis destacados da paisaxe urbana da vila de Melide, situada nun espazo a medio camiño entre o Casco Vello e a zona de expansión do Melide decimonónico nado a partir do trazado da rede de estradas do Estado (1861-1867).

A casa chama a atención polo seu porte, pero fundamentalmente polas escaleiras situadas no seu exterior no lateral oriental, que serven de comunicación entre a rúa e o primeiro andar.

Esta casa é de planta practicamente cadrada, vertebrada nun único volume e artellada en dúas plantas e faiado. Cara a rúa do Progreso mira a fachada principal que consta de catro portas, aínda que unicamente tres delas son orixinais, posto que a cuarta, a situada no medianil co nº 16 da rúa, foi aberta posteriormente no lugar ocupado antano por un espazo correspondente ó corral, ó que se accedía a través dun portalón. 

No piso superior ábrense dúas xanelas que flanquean a galería central que sobresae sobre a vertical da rúa, que en orixe foi de carpintería de madeira pintada en cor branca, e que logo foi substituída pola actual de ladrillo recebado con cemento, cunhas pautas e estética racionalista.

Na fachada oriental  ábrense tres fiestras, unha no hastial do faiado e dúas á altura da primeira planta que simétricamente delimitan a unha porta elevada que se comunica coa rúa mediante unhas monumentais escaleiras de composición piramidal, de triple derrame e provista de trece chanzos, servindo os catro primeiros para corrixir o desnivel existente no plano inclinado da praciña, e destacando os nove restantes por ser de canteiría coas arestas exteriores molduradas a modo de baquetóns.

Esta casa conta con moita historia, xa que antes dela erguíase no solar unha casa propiedade de Manuel do Mato, protagonista dun preito que tivo lugar no ano 1810 entre o propietario da casa e Manuel Marcos García ("Procurador de Número en la Real Audiencia de este Reino") , quen pretendía reducir a superficie da praza pechando a rúa da Moa.

Posteriormente, a propiedade é vendida a Manuela Rigueiro, que posiblemente con dito cambio de titularidade se producise a reedificación da mesma e a partir de aí trazaríanse as escaleiras, posto que no relatorio do pleito do ano 1810 non se nomea a existencia da escaleira nin tampouco no Protocolo Notarial do ano 1889, onde si se fai referncia a que "la habita en inquilinato la Guardia Civil"

A propiedade pasa a mans de Juana Díaz Páramo Rigueiro, profesa do Convento de Santa Clara de Santiago baixo o nome de Sor María de la Cruz Díaz Páramo Rigueiro, e posteriormente pasa a mans da familia Calvo Veiga quen dende a década dos 50 rexenta unha reputada pensión e casa de comidas, con sona de boa mesa e bo servizo, aínda que o negocio xa estivera funcionando previamente na Rúa da Moa nº 14 (na casa da Pimpana). 

O negocio rexentouno Dolores Calvo e as súas sobriñas María e Marciala Calvo Veiga, quen na planta baixa o atendía unha taberna. Na casa tamén prestaban servizo de carnicería e panadería.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Casas antigas de Melide", publicado no Boletín nº 31 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2018.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Tabernas, pensións e casas de xantar no Melide da memoria: Desde a Idade Media ata 1970", publicado no Boletín nº 27 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2014.

Outros elementos do catálogo