Casa Grande de Penas

Casa Grande de Penas

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Penas
Cronoloxía: 
Séculos XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 42,41´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 41,16´´ W
X: 
577.971,10
Y: 
4.751.460,74

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A casa grande de Penas, propiedade da familia Frade Frade, correspóndese cunha edificación de raigame fidalga que se sitúa na variante do Camiño Francés de Santiago, pola coñecida como variante de Penas, que a partir da encrucillada de Penas, unha vez rebasado o Carballal, leva ata a aldea de Parabispo.

Na aldea de Penas destaca a arquitectura da Casa de Frade cunha planta en forma de U que se determina polo adosamento ou acaroamento de diversos módulos construtivos que en conxunto forman unha única unidade ou propiedade.

Previamente a este conxunto de edificacións conxugadas destacaríamos un magnífico exemplar de hórreo de catro estremas asentado nun plano elevado correspondente co peche dunha eira, que forma parte da mesma propiedade. Así pois vemos un interesante conxunto arquitectónico integrado nunha entidade de poboación claramente ligada ó paso desta fermosa variante do Camiño.

Sobre esta casa apenas se ten escrito, mais non así da capela que forma parte do mesmo conxunto e que se integra nun dos módulos da estrutura en U. Esta capela coñecida como de San Isidro, por venerarse a este santo labrego, foi construída no ano 1935 e como documenta Broz Rei, “a capela cumpleu a súa función desde o ano 1935 ó 1975. Celebraban nela a misa dominical os Padres Pasionistas de Melide, chamados polos patróns da capela, a familia Frade, asistindo a misa xentes de Penas, do Barreiro, de Campos, etc, cumplindo así funcións de parroquia. Hoxe non se celebra desde o ano 1975, polo que quedou algo abandoada...”.

Esta capela á que máis ben habería que aludir como oratorio, debido ás súas dimensións modestas e á privacidade do seu uso, asóciase á derradeira fase construtiva do conxunto, na que se desenvolve o módulo oriental facendo as funcións de nexo de comunicación entre os bloques máis antigos do complexo, correspondéndose o módulo ou ala setentrional ó ámbito principal de residencia e funcións propiamente domésticas e a ala ou módulo sur á edificacións adxectivas de uso de servidume.

Á capela accedese por medio dunha porta que da a ó patio abranguido polas tres alas do conxunto, aínda que tamén conta con acceso polo interior que, como comenta Broz consta dunha tribuna que se corresponde cun “corredor por un lado da nave, que une a dependencia que fai de sancristía coa casa”. No interior destácase o retablo realizado en cemento con policromía a imitación de xaspeado de mármore. Foi construído segundo comenta Broz Rei, polo mestre de obras de Melide, Ramón Vaamonde, intentando imitar o estilo Neoclásico.

Conta cun único corpo dividido en tres rúas, sendo una delas o camarín central que alberga unha pequena imaxe do crucificado e nas rúas laterais dispóñense as imaxes de San Isidro Labrador (ou San Cidre Labrego, debido ó oficio que exercía este milagreiro santo madrileño). Na terceira rúa (a da dereita) ubícase unha imaxe da Virxe dos Remedios.

Polo exterior apenas se deduce a existencia da capela, unicamente se identifica polas reixas de forxa con barrotes ensamblados, propias de conventos, igrexas e tamén de casas nobiliarias, xa que mesmo a espadana da capela non se ubica sobre a mesma, senón no cumio dun dos bloques, concretamente no situado no estremo norleste, que segundo figura nunha inscrición situada nunha ventá que da luz ó sobrado do módulo, foi edificada no ano 1936. Baixo dita xanela dispóñense dúas portas exteriores á altura do primeiro andar, que dan acceso a unha balconada sobresaínte realizada en pedra e sostida por seis grandes ménsulas de feitura un tanto irregular. O taboleiro está constituído por cinco grandes chantas de cantería de granito, no que descansa a varanda de forxa que consta dun sistema de atirantado á parede.

Así pois vemos que a Casa de Penas consta duns módulos primixenios ós que se lle engadiron outros para artellalos en conxunto formando un todo. Fundamentalmente a parte máis destacada é a da banda setentrional na que sobresae a proliferación de portas e xanelas que dan ó patio, chamando a atención unha das ventás do piso superior en cuxo antepeito se reempregou a metade dunha moa de muíño fariñeiro.

 

BIBLIOGRAFÍA:

  • Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado no Boletín nº 8 do CEM-MTM, ano 1993.
  • Broz Rei, Xosé Manuel: "O antigo Camiño de Santiago, desde Melide a O Barreiro". Publicado no Boletín nº 33 do CEM-MTM, ano 2020

 

Outros elementos do catálogo