Ponte de Busel
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A Ponte de Busel sitúase sobre o rego da Beseña, na súa desembocadura no Ulla, no que é hoxe o encoro de Portodemouros. Por esta circunstancia nos meses de inverno aparece mergullada polas augas debido á abundancia de caudal.
A pesar da apariencia medieval da ponte, que chama a enganos pola súa fábrica, sábese que foi feita ó redor do ano 1933 por Mingos do Gaiteiro que era natural de Pezobre. Fíxose para facilitar o paso desde Busel ata A Maceiriña, e tamén para dar servizo a varios muíños existentes augas arriba.
A ponte dun só arco, está realizada en aparello de cachotaría irregular, na actualidade conserva os dous estribos de apoio (un deles moi danado) e a arcada, de medio punto rebaixada, feita con laxas imbricadas en cuña, moi ben dispostas. Non conserva os peitorís laterais.
É unha ponte moi senlleira, de moi coidada factura, situada nunha fermosa veiga que só é visible nos meses de seca.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: A ponte de Busel". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.
- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo", xaneiro 2017.