Fonte do Casal de Campos

Fonte do Casal de Campos

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Campos
Situación detallada: 
O Casal
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 53,93´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 49,37´´ W
X: 
577.801,87
Y: 
4.749.963,21
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A fonte do Casal sitúase nun recanto a modo de praciña no flanco norte da Casa do Casal de Campos, da linaxe dos Ulloa. Esa casa actualmente convertida nun establecemento de Turismo Rural conta cuns azulexos na portada coas iniciais C DE D J U P, que se corresponden co nome dun antigo dono da casa e cuxa lectura sería: "Casa  de Don Joaquín Ulloa Puga". Desa mesma casa era natural o afamado señor Antón de Ulloa, un home con moita sona por ser un reputado curandeiro e menciñeiro, coñecedor dun sinfín de saberes, contos e lendas propias da tradición oral popular destas terras, precisamente por iso foron os membros do Seminario de Estudios Galegos na súa procura para poder elaborar o capítulo "Folklore de Melide" do "Terra de Melide" (1933). E nese capítulo é citado con moita frecuencia e regularidade, á par de manifesta admiración, polos seus autores: Vicente Risco e Amador Rodríguez Martínez.

No que atinxe á fonte do Casal, compre dicir que na actualidade se atopa en moi bo estado de conservación, nun escenario recuperado e dignificado. Trátase dunha fonte situada nun esquinal e encastrada nun noiro que foi paramentado con aparello de canteiría de granito intercalada con cachotaría de lousa, servindo de contención de terras.

A fonte en sí consta dun brocal frontal realizado con dúas pezas superpostas de bo tamaño de canteiría de granito, entre as que asoma o cano de saída de augas, tamén de granito, que sobresae 28 cm. respecto ós panos exteriores de dito frontal. A auga que mana del verque nunha pía de pedra de forma rectangular que conta cunhas medidas de 109 cm. de longo por 59 cm. de fondo, e que se sitúa a unha altura de 36 cm. sobre a pavimentación de pedra do espazo de acceso á fonte.

Pero un dos aspectos máis salientables é que se trata dun manancial de augas aptas para o consumo e que ten sona de ser boa auga e fresquiña, mesmo nos meses de verán.

BIBLIOGRAFÍA:

 - Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Fotos de Melide. Continuación". Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.

- Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo 6 do "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O señor Antón de Ulloa (remedios diversos e lendas). Publicado na Enciclopedia Virtual Galicia Encantada, ano 2015.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O señor Antón de Ulloa". Publicado en "Lembranzas de Melide", artigo do blog do Museo da Terra de Melide, ano 2019.

 

Outros elementos do catálogo