Casa Grande do Ribeiro
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A Casa Grande do Ribeiro correspóndese cunha edificación pacega, de arquitectura moi equilibrada que conta con diversos elementos formais e estruturais moi ben conxugados. Con todo este inmoble atópase na actualidade en estado semiruinoso e practicamente oculto pola maleza (principalmente arbustiva aínda que algún arborado tamén arraigou na parte traseira da edificación). Compre sinalar que o estado de ruína xa ven dende moitos anos atrás, aínda que nos últimos tempos semella agudizarse polos severos danos que presenta a cuberta.
Esta casona presenta unha planta en forma xeral en L, aínda que algúns dos seus complementos adxectivos (pendello no lateral oeste, patín de entrada no extremo suroeste e corredor na fachada norte), contribúen a conferir unha planta máis complexa, enriquecida pola adición de volumes espaciais.
A edificación artéllase en dúas plantas, e os seus muros foron realizados en aparello de cachote con esquinais, linteis e xambas en canteiría labrada. As cubertas dispóñense a diversas augas adecuadas á configuración xeral da planta e das edificacións complementarias que se integran nela. O tellado como é habitual na arquitectura desta comarca está realizado con tella curva tradicional.
Entre os elementos sobresaíntes do inmoble destácanse tres fundamentalmente: o primeiro deles, é máis visible correspóndese cunha alta cheminea de planta rectangular realizada en cachote miúdo, coroada por pináculos moldurados, dos que aínda se conserva o central e máis elevado. Outro elemento destacable é o patín da entrada principal, situado como xa se apuntou, no extremo suroeste, que contaba cunha balaustrada de madeira; no muro que pecha a estrutura deste patín, ábrense uns ocos sobre unha ventá exterior lateral, que se corresponden coas aperturas dun pombal. Tamén destacaba o corredor ou solaina situada na segunda planta do extremo norte, ó que se accede por unha escaleira de pedra cuberta por un pendello anexo, a modo de porche.
Outro elemento complementario a esta casa é unha capela situada a 30 metros da casa en dirección oeste-suroeste. Esta capela foi fundada no ano 1765 por Don Domingo Antonio Concheiro Bolaño, cura descendente desta Casa Grande do Ribeiro, e estaba dedicada á Virxe de Loreto (apuntes sacados do libro “Santiso na Terra de Abeancos” de Xosé Manuel Broz).
Igual que a Casa Grande esta capela tamén amosa un avanzado estado de ruína, sendo aínda máis acentuado neste caso, posto que esta xa perdeu a cuberta por completo e a espadana derrubouse no inverno do ano 2002. Contaba cun retablo realizado en madeira sen policromar, e cun frontal de altar pintado, dos que aínda quedan restos en estado moi avanzado de deterioro, no interior da mesma.
A capela presenta planta rectangular, dunha soa nave e arquitectura humilde, realizada en cachotaría con canteiría en portas, esquinais e ventás laterais, recebada polo interior e nos lenzos laterais exteriores, aínda que tamén semella que contou con enlucido na fachada.
Esta Casa Grande do Ribeiro tivo diversos propietarios, pero en orixe pertenceu á familia dos Concheiro, do que descende o mencionado crego Domingo Antonio que funda a capela no século XVIII.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.
- Núñez López, José: "A Casa do Ribeiro de Visantoña". Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003.
- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, 4ª parte: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.