Muíño das Fervenzas

Muíño das Fervenzas

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
As Fervenzas
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 44,36´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 52,86´´ W
X: 
585.751,89
Y: 
4.760.869,12
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O muíño das Fervenzas é  un dos máis espectaculares da Terra de Melide, fundamentalmente por tres motivos: o primeiro deles é o seu espectacular emprazamento situado ó carón da fervenza, nun plano a media altura, co fin de optimizar os caudais e tamén garantir a produción enerxética. O segundo aspecto é que por estar situado a media pendente, ou ladeira, cunha topografía moi accidentada resultou necesaria a construción dun basamento de asento moi monumental (mediante o emprego de pedras moi grandes, case se pode dicir que ciclópeas), co fin de poder facerse a necesaria nivelación dos chans das dúas estancias interiores (do tremiñado); o basamento nalgunhas zonas alcanza unha altura considerable, debido a ter que corrixir o desnivel en caída que presenta a aba do monte e a propia fervenza. O terceiro punto que lle confire unha especial notoriedade é a vasta obra realizada para abastecer de auga ó muíño, consistente nunha monumental canle en trincheira, practicada na rocha e que conta cun desenvolvemento duns 70 metros lineais (captando as augas nun represamento existente antes do inicio da caída da fervenza).  

O Muíño das Fervenzas segundo apunta Broz Rei no libro "Santantoíño de Toques" xa aparece documentado nunha escritura de venta redactada no ano 1848 polo escribán Ramón Varela Vilariño quen da conta de dita transacción nos seguintes termos: "venta a Andrea Martínez y Lorenzo... el molino Arinero que se halla a la orilla del río das Ferbencias que se nombra nuevo, construído de reciente, maderado y tejado, con sus ruedas y disponible para moler".

 Broz parafraseando informacións dun veciño da cercana aldea de Prados recolle que: "...había dous muíños, un de chispa, con pedras de croio -francesas- que facían chispas ó moer, era para o centeo. Outro de bazo, con pedra de gra normal, para moer o millo. Os dous estaban no mesmo muíño e foron construídos por Rafael de Nodar (en Friol) haberá uns cen anos, e acabou de moer no ano 1975. Moía gra que viña desde o Mesón de Roade, de Brañas, de Montelén, e un día con outro chegaba a moer tanto que sacaba de ganancia dous ferrados de pan coa maquía. Moía de inverno a diario pero de vran moía máis o muíño do Estreito, porque tiña máis auga".  Esa información reflicte moi ben a realidade das Fervenzas, xa que nos meses de maior pluviosidade é moi abondoso o caudal de auga que discorre por esta vertente escarpada, mesmo por máis dunha ducia de regos diferentes, formando unha cortina de escuma branca pola forza e grande precipitación da auga. Pero nos meses de estío apenas discorre auga, chegando practicamente a estar secas, de aí que resultara máis productivo o Muíño do Estreito situado uns 500 metros augas abaixo das Fervenzas.

Este muíño era de maquía, sendo esta unha medida de gran (ou legumes) equivalente á sexta parte dun ferrado. Coñécese como maquía tamén, á porción de fariña coa que se lle pagaba ó muiñeiro polo seu traballo, sendo igualmente o nome empregado para designar a caixa ou recipiente no que se mide dita capacidade. Neste caso polo tanto trátase dun muíño "profesionalizado", onde se fan moendas por encarga, pagándolle ó muiñeiro cunha parte proporcional da moenda, ó que se lle chama maquía. Tamén o do Estreito era un muíño de maquía, a diferencia doutros pequenos muíños coñecidos como rouchos existentes ó longo do río, onde a moenda se fai para uso exclusivo dos veciños dunha aldea ou lugar determinada, no que se soían establecer quendas para o seu emprego e proveito.

Na actualidade o Muíño das Fervenzas atópase en estado de recuperación para evitar o seu deterioro, de feito xa foron reparadas as súas paredes e feitas de novo as súas cubertas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

 

 

Outros elementos do catálogo