Cruceiro de San Benito

Cruceiro de San Benito

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santo Estevo de Pezobrés
Situación detallada: 
San Benito
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 16,05´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 39,59´´ W
X: 
578.057,99
Y: 
4.746.946,53
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro de San Bieito ou de Pezobrés, sitúase na carballeira do campo da festa, a unha distancia de 85 metros ó norleste da igrexa parroquial (que foi trasladada no século XVIII dende o seu emprazamento primitivo no lugar de Pezobrés, ata San Benito).

Este cruceiro é un dos máis antigos do termo municipal, mais con todo padeceu importantes reformas e modificacións que alteraron en gran medida as súas características orixinais. 

Consta de cinco elementos fundamentais, pero so tres deles son orixinais (pedestal, varal e capitel). Os outros dous son posteriores, o pousadoiro adosado e a cruz.

O pedestal ou basa érguese sobre tres fiadas de cachotaría, presenta feitura troncopiramidal, pero non resulta de todo visible, xa que se atopa parcialmente empotrado no basamento do pousadoiro anexo. Este elemento está moi desgastado, polo que non resulta posible comprobar se tivo inscrición.

O fuste ou varal é de deseño renacentista con estrias e boceis na metade inferior. O canon curto que presenta fai pensar que en orixe debeu ter maior porte, polo que o máis probable é que sufrira algunha fractura pola zona da base.

O capitel é dun estilo derivado do composto, con colariño na transición ó fuste e con decoración de anxos, follas e volutas, motivos moi desgastados e erosionados.

A cruz carece de interese por ser de cemento, lisa e carente de figuración, que substitúe á orixinal por mor dunha fractura. Broz Rei describe que aquela tampouco era figurada.

Ata o cruceiro acódese en procesión pola festividade do San Bieito, polo Santo Estevo e tamén pola Santa Cruz.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra  de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", ano 2001

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013

Outros elementos do catálogo