Castro de Donide/A Roda

Castro de Donide/A Roda

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Maceda
Situación detallada: 
Donide
Cronoloxía: 
Idade do Ferro e Romanización

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 35,85´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 48,33´´ W
X: 
576.388,48
Y: 
4.756.793,66
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Vídeo

Descrición

Na parroquia de Maceda contabilízanse un total de tres asentamentos castrexos, ubicados nas inmediacións das aldeas de Donide, Paraños e Marrás, sendo recoñecidos co nome deses lugares. Así pois estamos a falar da parroquia con maior densidade de castros existente no termo municipal de Melide.

O castro de Donide situado ó norte da aldea, emprázase nun outeiro elevado (cuxo punto máis alto acada unha cota de 571 metros de altitude).

O asentamento castrexo presenta unha forma irregular, con tendencia oval , e presenta unhas dimensións duns 125 metros no eixo maior (NNL-SSO) x uns 70 metros (no eixo ONO-LSL).

A nivel defensivo o castro aparece bordeado por unha muralla, que pola banda suroriental se vai desdibuxando, trocándose por un terraplén. Como apuntou Cuevillas no seu momento (“Terra de Melide”, 1933) vemos coma no nordeste existe unha entrada ó recinto, que o reputado prehistoriador asocia coma moderna.

No intre da visita de campo (comezos do ano 2023) se puido comprobar como o castro conta con abondosa vexetación arbórea (principalmente de especies de vexetación e invasivas, eucaliptos e mimosas, en asociación con masas de arborado autóctono, especialmente pola banda oriental), dese xeito non resulta posible unha correcta definición do poboado e das súas estruturas na foto de dron. Tamén se corroborou como se estaban a realizar traballos de tala e plantación forestal por toda a banda occidental do outeiro, en cuxa parte máis elevada se empraza o asentamento.

Cuevillas fala de que na súa visita ó castro atoparon anacos de tégulas, o que nos está a falar dunha ocupación en época galaico-romana. Nese senso resulta relevante destacar alta densidade de castros existentes nas parroquias da banda noroccidental do termo municipal de Melide, que puidera ter que ver coa presencia dunha complexa trama mineira (presumiblemente aurífera), da que existen abondosas cuncas extractivas nas parroquias de Baltar, Golán e Grobas.

BIBLIOGRAFÍA:

-López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”, publicado en “Terra de Melide”, Seminario de Estudos Galegos, 1933.

Outros elementos do catálogo