Os Castelos e Cheminea dos Mouros

Os Castelos e Cheminea dos Mouros

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Vimianzo
Situación detallada: 
Monte da Cebreira
Cronoloxía: 
Idade Media ?

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 12,59´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 13,46´´ W
X: 
579.991,81
Y: 
4.748.712,98

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Trátase dun xacemento tan interesante como complexo, posto que non resulta doada a súa interpretación nin a súa clasificación tipolóxica. A xulgar polo tipo de vestixios, tanto estructurais como materiais, induce a asocialo a un contexto histórico e de probable periodización medieval. 

Este xacemento foi descuberto polo médico e historiador Don Eduardo Álvarez Carballido a principios do século XX, por mor das obras de construcción da presa para a central eléctrica do Rechinol. 

Consta  este xacemento de tres zonas diferenciadas : un afloramento de forma caprichosa, coñecido como "Cheminea dos Mouros", outro afloramento que conserva restos de estructuras realizadas en pedra e cubertas con tella, coñecido como "Os Castelos", e baixo ambos a uns 35m. de desnivel aparece unha cova ou cavidade pechada por un muro de pedra, situada ó carón da canle de derivación da presa da central.

A Cheminea dos Mouros é dun bloque exento de rocha que mantén un equilibrio inestable, e que se proxecta directamente sobre a vertente, trátase dunha formación natural de forma moi suxerente (estilizada e esbelta), o que puido dar orixe na antigüidade a este topónimo, asociado ó pobo mítico dos Mouros.

Os Castelos, situados a 55m. ó suroeste do anterior consiste nun afloramento rochoso, igualmente escarpado, coroado por unha pequena plataforma natural que vai rodeado por un foxo, posiblemente artificial, cheo de entullos de pedra de estructuras desaparecidas, así como de anacos de tella. Tamén entre os entullos apréciase parte dun paramento dun muro.

O terceiro elemento correspóndese cunha cavidade ou abrigo natural, de 6,30m. de ancho e 3,50m. de fondo, e cunha altura comprendida entre 1,80m e 3m. Na entrada atópanse os restos dun muro de peche de trazado semicircular, realizado en cachotaría moi ben disposta. O interior da cavidade está chea de entullos de pedra sobre un piso de terra compactada de superficie aplanada.

Todos estes datos parciais apuntan a un asentamento de presumible adscripción histórica (probablemente medieval ou moderna). A zona correspondente cos castelos, que conta cun amplo dominio visual (sobre o curso baixo do río Furelos) e óptimas condicións defensivas naturais, complementadas por ese foxo, poden estarnos a indicar a existencia dun castelo rocheiro. A cavidade pode tratarse dun abrigo asociado a actividade de pastoreo en época antiga.

Na páxina web da oficina virtual do catastro chama a atención que na cartografía repítese o topónimo de "Hermida" vinculado a esta zona, o que tamén debe ser un dato a ter en conta.

Hai uns anos foi incorporado ó catálogo de xacementos arqueolóxicos de Galicia pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, polo que conta coa pertinente protección legal.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Protohistoria. Restos de un collar de la época Neolítica". Publicado no Boletín de la Real Academia Gallega nº 75, ano 1913.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Castelos e a Chimenea dos Mouros do Richinol". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

 

Outros elementos do catálogo