Fonte da Martagona

Fonte da Martgona

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Salvador de Abeancos
Situación detallada: 
A Martagona, San Salvador de Abeancos
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 16,42´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 52,30´´ W
X: 
581.787,15
Y: 
4.752.554,35
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Trátase dunha fonte moi coñecida entre os veciños de Melide, debido ás súas propiedades mineiro-medicinais. É unha desas fontes de augas sulforosas, con cheiro a ovos podres. Este tipo de augas acostumábanse a consumir en xaxún ó longo de nove días durante o mes de setembro, para remediar doenzas do aparato dixestivo, mais a pesar de que esa é a práctica común que marca a tradición, tamén era habitual o seu consumo durante todo o ano.

Como indica o profesor de ciencias naturais Manolo Castro Rei, quen elaborou un pormenorizado inventario deste tipo de fontes no territorio galego, as augas sulforosas, como as da Martagona correspóndense con "augas de orixe natural, con propiedades terapéuticas coñecidas e probadas. Son augas que proceden da choiva e que, por infiltración, atravesan rochas e materiais sedimentarios dos que obteñen sales minerais e substancias orgánicas que lles dan as súas características curativas. As sulfuradas, ou sulfurosas, son augas mineiro-medicinais que conteñen máis de un miligramo por litro de ácido sulfídrico, que lles da ese olor característico a ovo podrecido. Son augas boas para tratar problemas respiratorios, reumáticos e afeccións alérxicas. Teñen tamén acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante". Este profesor tamén refire que estas augas utilizábanse dende sempre por xentes do lugar e tamén por persoas de sitios lonxanos que padecían enfermidades incurables, e que melloraron de xeito milagreiro despois duns días de tomar as augas.

Tal é a natureza simbólica inherente a este tipo de fontes curativas que soe ser habitual que leven aparellado un compoñente folclórico e lendario, mais neste caso da fonte da Martagona non se lle asocian relatos vinculados co imaxinario tradicional ou coa relixiosidade popular.

Esta fonte da Martagona atópase na marxe norte do río da Martagona ou de Pedrouzos, afluente do Furelos. Atopámola seguindo un carreiro de terra situado a uns 50 metros á man dereita da ponte da Martagona, unha vez rebasada esta. Emprázase nun encrave de gran beleza natural, nunha paraxe de bosque autóctono entre o que discorre o río moi accidentadamente, xerando fervenzas. 

O manancial sitúase a unha distancia de 2,70 metros da canle de abastecemento dun muíño tradicional, sita a media ladeira. Aparece inserida nunha pequena cavidade practicada na rocha, a modo de cova, que presenta unah altura de 1,50 metros e cunha fondura de 1,70 metros. No fondo da mesma e case a rentes de chan obsérvase unha pequena canle de 87 cm. de longo que remata nunha pedra frontal disposta perpendicularmente a esta, da que sae un pequeno cano metálico polo que mana a auga, indo a verter nunha poza ou rebaixe.

Compre sinalar, como xa apuntou o profesor Castro, que en determinadas épocas do ano non se aprecia a existencia das augas sulfurosas, por non emanar cheiro a ovos podres nin por ter as típicas manchas branquecinas que deixan estas augas ó seu paso. Ben é certo esta afirmación posto que no mes de febreiro, cando se fixeron as fotos que acompañan a esta ficha, non presentaba estas características, sendo ben patentes noutros meses do ano.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidendes-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Castro Rei, Manuel: "Augas mineiro medicinais. Augas sulfurosas da Terra de Melide". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

 

Outros elementos do catálogo