Chanto da Ponte Nova

Chanto da Ponte Nova

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Xoán da Ponte Arcediago
Situación detallada: 
A Ponte Nova
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 50´ 53,27´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 26,75´´ W
X: 
579.740,21
Y: 
4.744.412,15
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O chanto a Ponte Nova correspóndese cunha pedra illada que foi descuberta no ano 2012, unha vez que se realizaron uns traballos mecánicos de acondicionamento dun acceso máis doado a unha propiedade particular.

Esta pedra apareceu soterrada e deitada, xunto a outras pedras máis pequenas e de distintos tipos de rocha, que poderían tratarse dun recheo ou nivelación realizado cando se cosntruíu a nova ponte da estrada, sobre o Río Ulla, ó tempo que se habilitou un camiño cementado cunha acusada pendente que comunica dita estrada (AC-840) coas casas do lugar. Por tanto descoñecemos o contexto orixinal de ubicación do citado chanto.

A pesar de que nada coñecemos do seu contexto primitivo, e das circunstancias que motivaron que a pedra aparecera entre o camiño e a entrada da finca sen parecer que se atopase in situ, senón conformando un recheo ou nivelación, si que chama moito a atención a súa morfoloxía, feitura e tamén algúns aspectos que denotan un labrado intencionado antrópico.

Sen poder determinarse con exactitude que poida corresponderse cun megálito prehistórico, presenta unhas determinadas pautas que levan a asimilalo a un ortostato dunha anta, ou ben a unha pedrafita exenta, aínda que se asemella máis ó primeiro deses dous casos. 

En primeiro lugar cabe destacar que está realizada nun soporte de gneis, unha rocha de grande dureza, densidade e de moi dificultosa manipulación. Nese senso compre indicar que está realizado no mesmo tipo de rocha que a Pedrafita do Casal (Santa María de Campos, Melide).

En canto a súa forma indicar que presenta unha feitura "amendoada", con tendencia ovalada ensanchada, provista dun vértice apuntado e laterais de perfil curvilíneo convexo, simétricos entre sí. Segundo informacións do propietario da finca, que foi quen a quixo poñer en valor situándoa erguida nun extremo da propiedade, coa finalidade de cumprir unha función ornamental, a súa base que se atopa soterrada tamén presenta un remate en redondo.

As dimensións visibles na actualidade da pedra son de 1,97 metros correspondentes á parte máis visible que mira cara ó sur. Tendo en conta que está chantada no terreo aproximadamente uns 50 cm, en base ás informacións do propietario, oscilaría ó redor de 2,50 metros en total. O ancho máximo visible é de 1,75 metros correspondentes á parte inferior da cara sur.

En canto á súa superficie compre indicar que a cara norte se atopa encastrada no terreo, polo que non se pode ver ó completo, mais con todo presenta unha tendencia aplanada, interrompida porque no lateral leste aparece sesgada en bisel, posiblemente debido a unha fractura máis recente. Na cara sur a tendencia é aplanada, pero presenta na parte inferior, do lado oeste, unha perda da superficie orixinal, semellando tratarse dun desconchado antigo, xa que as superficies de fractura amósande bastante rodadas. En canto ós laterais presentan sección curvilínea, conferíndolle un acabado redondeado.

Nas superficies das súas caras, moi rugosas, non se identifican gravuras antrópicas, pero con todo na cara sur aprécianse en superficie unhas "estrías" concéntricas que se corresponden con traballos de labrado, que indican que esta pedra foi obxecto de manipulación intencionada (en tempos pretéritos, posto que están moi rodadas e suavizadas).

Estas evidencia de manipulación intencional, tanto en canto á súa morfoloxía xeral como polas pegadas de labrado identificadas na cara sur, indican que se trata dun bloque rochoso que foi obxecto de traballos para outorgarlle un determinado cometido. 

BIBLIOGRAFÍA:

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "¿Novos chantos megalíticos na Terra de Melide?. Aproximación ó seu estudo e difusión". Publicado no Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafitas ou menhires en Melide e contorna". Artigo publicado no blog do Museo  http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo de 2018.

Outros elementos do catálogo