Casa de Pardo de Roiriz

Casa de Pardo de Roiriz

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xiao de Zas de Rei
Situación detallada: 
Roiriz, San Xiao de Zas de Rei, Melide
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 0,07´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 40,06´´ W
X: 
577.968,71
Y: 
4.753.856,60

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa de Pardo de Roiriz foi refeita no século XIX aproveitando materiais da antiga edificación fidalga. Con todo trátase dun soberbio inmoble composto de vivenda, curro (pechado con tapia e portalón), dous hórreos (de dúas estremas cada un) e muíño (de maquía con tres moas e vivenda para o muiñeiro) ó carón do río Catasol, ademais dunha capela situada do outro lado da pista, hoxe nun avanzadísmo estado de ruína. 

A actual edificación de planta rectangular disponse en dúas alturas e vai cuberta a catro augas. Está realizada en aparello de cachotaría, aínda que en portas, ventás e esquinais emprégase aparello de canteiría de granito.

Desta rexa edificación destácanse dous elementos principais: a cheminea e o escudo de armas situado na fachada que mira ó curro.

A cheminea situada sobre a fachada lateral que da á pista asfaltada, é de gran porte e altura. Na parte superior está coroada por catro pináculos situados nas esquinas, pero o máis chamativo é unha gárgola en forma de cabeza humana en relevo, moi ben realizada, que se sitúa na base da mesma. Ten este rostro a boca aberta para facer de tiro ou respiradeiro. 

O escudo aparece coroado por un elmo que mira á esquerda, baixo este sitúase un blasón distribuído en catro cuarteis e rodeado por unha orla de remates revirados (como se dos bordes dun pergameo se tratase). No primeiro cuartel aparecen representadas cinco pombas en diferentes posicións dos Seixas, no segundo cuartel aparecen tres cabezas de animais de perfil (sen identificar aínda que semellan cabezas de bóvidos), no terceiro aparecen cinco varas horizontais e superpostas dos Varela, e no cuarto cuartel represéntase tres caldeiras baixo dúas esporas de cabaleiría dos Puga.

Este escudo sitúase entre dúas ventás do piso superior que conserva o recebo remarcando o aparello de cachotería, a modo de encintado ou esgrafiado. Ó redor do escudo vemos restos de pintura mural, sobre o recebo representando motivos que complementan o repertorio simbólico do blasón: flores (azucena?), sables, puntas de lanzas e algún caracter (entre os que se recoñecen unha H e unha S).

Desta casa foi dona Elisa Varela Lauga, nai de Don Ricardo Sánchez Varela, crego e propietario da fábrica de curtidos de Furelos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Vazquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 1º: o patrimonio relixioso". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, decembro de 2016.

- Vazquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide, parte 4º: o patrimonio en perigo". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de melide, xaneiro 2017.

 

 

Outros elementos do catálogo