Fonte de Piñor ou de Reboredo

Fonte de Piñor ou de Reboredo

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de Furelos
Situación detallada: 
Piñor
Cronoloxía: 
Indefinida

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 26,86´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 3.38´´ W
X: 
581.576,18
Y: 
4.749.171,88
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A afamada fonte de Piñor ou de Reboredo ubícase na divisoria entre os termos municipais de Melide e de Santiso, nunha paraxe forestal a medio camiño entre as aldeas de Piñor (Furelos, Melide) e Reboredo (Vimianzo, Santiso). Nas inmediacións da fonte discorre o Rego de Reboredo que nace na gándara da Madanela debido ás escorregaduras e drenaxe das brañas que alí se formaron, e que desemboca no Furelos augas abaixo da central eléctrica de Portochao, contaminando ese tramo do curso fluvial ó traer consigo as augas residuais sen depurar provintes do Parque empresarial da Madanela.

A fonte é moi coñecida debido á virtude das súas augas sulfurosas mineiro medicional, que contan con destacadas propiedades terapéuticas, e que se caracterizan pola súa cor leitosa e polo cheiro intenso a ovos podres. O profesor Castro Rei fala das propiedades destas augas medicinais "para tratar problemas respiratorios, reumáticos e afeccións alérxicas. Teñen tamén acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante". Este tipo de augas sulfuradas soían consumirse en xaxún durante o mes de setembro e na Lúa de agosto, para mitigar e sandar patoloxías asociadas ó aparato dixestivo, sendo tamén recollida para o tratamento de enfermidades da pel tipo soriase, rosáceas e todo tipo de erucións cutáneas.

Esta fonte xa aparece citada no Terra de Melide (1933) por Vicente Risco e Amador Rodríguez que narran como: "- En Piñor, freguesía de Furelos, hai unha fonte d´augas minerás que chaman a Fonte Santa. Pois contan d´ela qu´estando unha vez uns homes da aldeia cavando en precura d´un tesouro, saíu un cabalo do fondo da terra que emprendeu co-iles a couces e deixounos mortos, e logo tragouno de novo a terra, cubríndose com´enantes a burata e non deixando sinal do feito."

Respecto á fonte compre indicar como sinala o profesor Castro que se trata sen dúbidas da fonte de augas sulfurosas mellor acondicionada da comarca, debido a traballos recentes de canteiría asociados a  escolas obradoiro ou a obradoiros de emprego, que se ben teñen por finalidade dignificar un elemento, realmente o que acaban é  por mudar e modificar enormemente a estrutura orixinal, restándolle o valor tradicional de seu. Tamén, e igualmente como aspecto negativo, indicar que por atoparse nunha paraxe illada e alonxada da aldea de Piñor e tamén porque onde a fonte morre a pista, soe tratarse dun punto de verquido de lixo incontrolado.

BIBLIOGRAFÍA:

-Castro Rei, Manuel: "Augas mineiro medicinais. Augas sulfurosas da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide". 2016.

-Risco, Vicente e Rodríguez Martínez, Amador: "Folklore de Melide". Capítulo nº 6 do "Terra de Melide", Seminario de Estudios Galegos. 1933.

 

 

Outros elementos do catálogo