Convento de SantiSpíritus

Convento de SantiSpíritus

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Melide
Cronoloxía: 
Séculos XIV-XV-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 55,23´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 59,31´´ W
X: 
580.275,72
Y: 
4.751.883

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta monumental igrexa é o único vestixio conservado na actualidade do antigo Convento de Sancti Spíritus da Orde Terceira Franciscana. Fúndase no ano 1372 e abandónase no ano 1835, con motivo da Desamortización de Mendizábal. No ano 1842 pasa a ser o templo parroquial de Melide, en detrimento da vella parroquial de San Pedro (do século XIII).

Do século XIV consérvase unicamente a capela do Santo Cristo, perpendicular á cabeceira.

A Capela Maior reedifícase integramente no ano 1498, en estilo gótico isabelino  ou florido. Conta con bóveda nervada en estrela, arco triunfal apuntado, pinturas murais do século XVI no testeiro (ocultas polo retablo) e dous sartegos na memoria de Leonor de Mendoza e Inés de Castro.

Ó redor de 1760-1770 desmantélase a antiga nave da igrexa gótica e faise a actual, de planta rectangular con dúas capelas laterais a modo de transepto ou cruceiro. A nave é moi elevada para poder acoller o coro e o órgano, e vai cuberta por unha monumental bóveda de canón. Neses momentos, do século XVIII, reedifícase tamén a torre, trocando unha torre gótica almenada, pola actual de gran altura (42m.), e de deseño barroco.

Son de destacar o retablo da Capela Maior, do ano 1690 da autoría de Francisco de Castro Canseco, e os das capelas do transepto, da segunda metade do século XVIII, do taller de Gambino-Ferreiro.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Antiguas pinturas en la iglesia de Santi Espíritus de Mellid", publicado no Boletín de la Real Academia Gallega, nº 9 ano 1907. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide: Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nº 1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1982.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Mosteiro de Sancti Spíritus de Melide: tres etapas de construción". Boletín nº 6 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1991. 

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O claustro do Convento de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nª 13 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2000.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

-  Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: Francisco de Castro Canseco- O retablo de Melide- As imaxes do retablo- Pinturas murais-Retablo do Nazareno". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A vila de Melide", ano 2016.

- Carro, Xesús; Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Monterroso Montero, Juan M.: "Apuntes sobre las pinturas murales de la iglesia de Sancti Spíritus de Melide". Boletín nº 6 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1991.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide 2ª parte: o patrimonio arquitectónico". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, decembro de 2016.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "A Torre do Convento: de símbolo de poder franciscano a fito referencial da vila de Melide". Artigo publicado no blog do Museo da Terra de Melide, xullo de 2017.

Outros elementos do catálogo