A Pena Arada

A Pena Arada

Información

Tipo: 
Patrimonio natural
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Buxán
Cronoloxía: 
Indefinida

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 23,82´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 16,61´´ W
X: 
585.244,88
Y: 
4.758.378,03
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Coa denominación da “Pena Arada” defínese a un conxunto de penedías aflorantes situadas na aba setentrional da elevación coñecida como “A Pena Grande”. Os afloramentos de rocha contan cun amplo dominio visual sobre o curso do Río Furelos, e son doadamente visibles dende as aldeas de Fondevila, Buxán e Paradela e tamén dende a propia estrada CP-4604 que comunica a vila de Melide coa estrada AC-233/LU-233 que vai dende Sobrado dos Monxes (A Coruña) ata Friol (Lugo). Esta penedía sitúase a unha altitude de 550 metros, aproximadamente a uns 100 m de diferencia de altitude respecto ó curso do río Furelos.

O máis destacable desta penedía da que non coñecemos folclore asociado, ó cal non quere dicir que non houbese contos ou lendas vinculadas a ela, a xulgar polo seu amplo dominio visual e significación na paisaxe, e que no ano 1998 atopouse, co gallo da apertura dun camiño situado a unha distancia de 100 m cara ó Norte, na aba de elevación, un exemplar de punta de xaveliña tipo Palmela, que conta cunhas dimensións de 92,5 mm de longo por 23 mm de anchura máxima da folla, de feitura en forma de folla de loureiro, e cun espigo de 29 mm de longo cun grosor máximo de 3 mm e con sección circular.

O achado foi casual, como xa se indicou debido á apertura mecánica dun camiño de monte, como refire Meijide Cameselle “foi atopada de forma casual nun camiño da aba occidental do Monte da Pena Grande, ó nordés do lugar de Buxán, preto das penedías chamadas Pena Arada, case que a metade de camiño do lugar de Paradela, na parroquia de Paradela (Toques). A peza saíu á luz a causa das remocións de terra feitas para mellora do camiño. Nas beiras vense grandes rochas, algunha delas co aspecto de chanto megalítico, anque non hai evidencias claras da existencia de mámoas, salvo nun lugar onde parece apreciarse unha pequena masa tumular. Nembargantes, sería precisa a realización dunha intervención arqueolóxica para intentar definir ou confirma-lo tipo de xacemento”. O mesmo autor sostén que a datación máis probable da punta de Pena Arada “podería apuntar ó albor do Bronce Inicial, en torno ó 1800 a.C”.

Esta punta palmela atópase custodiada no Museo da Terra de Melide

BIBLIOGRAFÍA:

- Meijide Cameselle, Gonzalo: “Unha punta palmela de Pena Arada (Buxán Toques). Publicado no Boletín nº 11 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1998.

Outros elementos do catálogo