Conxunto de hórreos en Folladela

Conxunto de hórreos en Folladela

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 15,60´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 33,88´´ W
X: 
580.801,41
Y: 
4.756.219,66
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de eirexe, na marxe sur dunha rúa, atopamos tres hórreos dispostos en liña asentados sobre un valado de cachotaría cunha interrupción entre o primeiro e os dous seguintes. Aparecen aliñados nun perfecto eixo leste-oeste. Son tres hórreos tradicionais dunha soa estrema ou tramo, asentados sobre pes exentos e cunha técnica mixta na que se conxugan elementos de pedra e carpintería de madeira. 

Dos tres, o menos modificado é o central, posto que mantén a súa esencia orixinal. O primeiro e situado máis o oeste (máis preto da estrada), presenta un bo estado de conservación debido a renovacións na carpintería e na cuberta. Toda a cámara é de madeira agás un testeiro realizado en ladrillo recebado. Os cumios do tellado aparecen coroados por senllos pináculos feitos en madeira en forma de lanza. Tanto os pes (perpiaños) coma os tornarratos son de canteiría de granito.

O hórreo central como xa se indicou, é o menos modificado e alterado, presenta técnica mixta de canteiría (pes, tornarratos e columnas ou ucheiras) e contacolumnas e ladeiros ou balagustos de madeira. Nos cumios do tellado non conta con elementos de decoración ou remate. Para acceder á porta de acceso, situada ó igual que os demais no extremo oriental, dispóñense tres chanzos, probablemente de pedra recebada.

Por último o situado no extremo do nacente, foi alterado na súa base, posto que os perpiaños son de formigón realizado mediante encofrado e os tornarratos son de pedra pero non moi antigos con cortes efectuados a disco. A cámara é enteiramente de madeira, a diferencia dos dous anteriores, nos que había utilización de pedra e de ladrillo. Ó igual que o primeiro conta con remates ou pináculos, tamén de madeira, no cumio do tellado, dos que posiblemente se inspiraron para recrear os do primeiro.

A pesar das diversas modificacións e reformas, este conxunto resulta bastante chamativo xa que en esencia reflicte a tipoloxía máis común dos hórreos da comarca, con emprego combinado de mateirais e nos que resulta fundamental a carpintería de madeira da estrutura das súas cámaras.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

 

Outros elementos do catálogo