Cruceiro de Melide

Cruceiro de Melide

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Melide
Cronoloxía: 
Século XIV

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,42´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 47,11´´ W
X: 
580.554,66
Y: 
4.751.706,94

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Considerado por Castelao o cruceiro máis antigo de Galicia, o que lle confire unha especial relevancia.

O único orixinal é a cruz, que representa no anverso (na cara sur) a Cristo en maxestade, resucitado amosando as chagas da paixón. Trátase dunha imaxe sedente, de posición hierática (frontal e carente de movemento e expresión, neutra). Ten o rostro imberbe. As pautas de representación desta cara recorren ós canons de representación románica.

No reverso (cara norte) representa un calvario no que se ve a Cristo na cruz flanqueado por San Xoán, a Virxe e unha figura axeonllada, que podería tratarse da Magdalena ou doutra figura presente na crucifixión. Nesta escena, máis dinámica, na que se intúe certo movemento, presenta pautas xa do mundo gótico.

Non se coñece a súa procedencia orixinal, pero barállanse tres hipóteses: que se tratase dun cruceiro asociado á antiga e desaparecida igrexa parroquial de San Pedro de Melide, ou máis ben que se correspondese cunha cruz situada no claustro do Convento de Sancti Spíritus, fundado a finais do século XIV, xa que comparte pautas estilísticas cos capiteis que se conservan del no Museo da Terra de Melide e no Museo Provincial de Pontevedra. Tamén se considera unha terceira posibilidade que o vincularía coa tamén desaparecida Ermida de San Sebastián. Das tres opcións a segunda semella a máis plausible.

O fuste ou vara presenta sección cadrangular coas esquinas achafranadas, correspóndese cun elemento reaproveitado doutra obra, en calquera caso posterior. A basa consistente nunha escalinata de tres chanzos de realización contemporánea, non lle resulta nada apropiada. No xardín do lateral dereito da Capela de San Roque pode verse, case oculta por un arbusto, unha pedra de canteiría de feitura troncocónica, cun oco na parte superior e cuns encaixes laterais semellantes ós da pedra dun lagar. Este elemento serviu de basa do Cruceiro antes do seu traslado ó lateral esquerdo da Capela, como aínda pode verse na foto do Terra de Melide do ano 1933.

Atópase este cruceiro ó carón da actual Capela de San Roque, edificada en 1949 con elementos reaproveitados das desaparecidas Capela de San Roque e da Igrexa de San Pedro, da que se reaproveitou a portada principal do s. XIII.

A pesar da especial importancia deste magnífico cruceiro, o seu estado de conservación e coidado non son os máis axeitados, como tampouco o é a conxunción dos seus elementos: unha transición forzada entre a cruz e o fuste, xa que carece de capitel e o grosor do segundo excede ó da base da cruz; e sobretodo pola desafortunada plataforma contemporánea que fai de base, restándolle dignidade.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "El crucero de San Roque de Mellid", publicado en "Galicia Diplomática" nº 11, ano 1893. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Cruceiro de Melide". Boletín nº 18 do Centro de Estudios Melidense-Museo da Terra de Melide, ano 2005.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.

- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Rodrígez Castelao, Alfonso Daniel: "As cruces de pedra na Galiza", ano 1949.

Outros elementos do catálogo