Pazo de Tarrío
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Vídeo
Descrición
Completo conxunto pacego murado, integrado por casa grande, capela, hórreo de sete estremas e pombal situado no exterior.
A casa, con planta en forma de L, disponse en dúas alturas. Na fachada principal locen dous escudos e a entrada da capela (que forma parte da edificación da casa).
O escudo da esquerda coroado por un helmo distribúese en catro cuarteis cos emblemas dos Valladares, Montenegro?, Noguerol e Seixas. No da dereita, distribuído tamén en catro cuarteis, reproduce os emblemas dos Figueroa, Prado, Caamaño e Maldonado.
Cara o surleste disponse un patio interno ó que se abre unha monumental solaina con peitoril macizo de pedra, sobre o que se erguen pequenas columnas de granito que sustentan a cuberta.
No interior da capela destácase un excepcional retablo do século XVIII, de estilo Rococó, en mal estado de conservación, procedente da Capela do Santo Oficio do Tribunal da Inquisición de Santiago; foi mercado a finais do século XIX, por Don Juan Saavedra Codesido, propietario do pazo.
A igrexa parroquial de Santiago de Xubial conta cunha capela lateral, do século XVIII, mandada edificar como capela funeraria para a familia Saavedra do Pazo de Tarrío.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.
- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.