Cruceiro de Baltar

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santiago de Baltar
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 15,06´´ N
Lonxitude: 
8º 7´ 11,63´´ W
X: 
571.769,86
Y: 
4.757.953,54

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Trátase dun dos máis fermosos cruceiros da Terra de Melide, da mesma tipoloxía que o de Ordes (Toques) e Novela (Santiso). Actualmente localízase no medio da carballeira da festa ó carón da casa reitoral e enfronte á actual igrexa de Baltar. Pero procedía da veciña parroquia de Grobas, onde houbo unha igrexa parroquial que hoxe non se conserva.

Consta de cruz, capitel, fuste e basa. A cruz representa a Cristo crucificado no anverso e no reverso á Virxe orante (Inmaculada Concepción) e rodeada por tres querubíns.

O capitel é de estilo composto con representación de anxos e volutas.

O fuste é estriado, no que aparece representado San Andrés coa cruz en aspa e un santo con hábito franciscano portador dunha cruz.

Na basa de forma troncopiramidal, aparecen representados os atributos da paixón e unha inscrición que recolle a data de construción no ano 1667. Esta basa aséntase nunha escalinata de cinco chanzos.

Da carballeira na que se localiza, destácase a súa plantación ordeada ocupando unha parcela en forma de semicírculo, na que os carballos se dispoñen en cuadrículas. Nesta carballeira celébranse as festas de San Ramón (compre indicar que na veciña aldea de Grobas, de onde provén o cruceiro, aínda pode verse a Fonte de San Ramón Nonato, e tamén o lugar no que se localizaba a desaparecida igrexa parroquial de Santa María de Grobas).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

 

Outros elementos do catálogo