Igrexa de Santa María

Igrexa de Santa María

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Santa María
Cronoloxía: 
Século XII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 41,49´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 31,21´´ W
X: 
579.557,42
Y: 
4.751.450,64

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Soberbio exemplo de arquitectura relixiosa do século XII, onde se conxugan os principais elementos dunha obra románica. Esta igrexa foi declarada Monumento Nacional, pola súa importancia artística.

No adro, ó carón do Camiño de Santiago, localizáronse uns enterramentos antropomorfos, escavados na rocha, de tipoloxía altomedieval, que poden corresponderse cunha edificación anterior.

Consta dunha nave rectangular e a ábsida parte dun tramo recto e longo e a continuación desenvólvese o hemiciclo semicircular. No exterior destácase a decoración da ábsida e as dúas portas de entrada, especialmente a oeste (principal), na que se destacan os capiteis florais e zoomorfos e unha arquivolta con casetóns que representan uns símbolos enigmáticos, moi orixinais.

No interior destácase o arco triunfal de medio punto dobrado, sostido por un capitel floral e outro historiado con animais fantásticos. Tamén son moi destacadas as pinturas murais da Capela Maior, do século XVI, nas que se representa a Trinidade rodeada do Tetramorfos, anxos e apóstolos. Destaca así mesmo a mesa de altar románica de pedra policromada tamén no século XVI, e unha reixa románica do século XIII, exposta na sancristía e que en orixe separaba a cabeceira da nave.

Na praza de Santa María tamén é interesante o cruceiro de s. XVII.

BIBLIOGRAFÍA:

- Álvarez Carballido, Eduardo: "Pinturas murales de Santa María de Mellid", publicado en Galicia Histórica ano1903. (Traballo recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009).

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.

- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo