Fonte de San Xoán de Furelos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A Fonte de San Xoán de Furelos sitúase nunha marxe da pista que comunica a aldea de Furelos coa que leva a Vilanova e á Estrada N-547. Esta pista remata na confluencia do Camiño Francés coa pista que dende Piñor leva ata Furelos e tamén ó trazado orixinal da mencionada estrada nacional.
A fonte de San Xoán ubícase exactamente nun noiro comprendido entre a primeira das pistas citadas e o trazado do Camiño Francés, no que se aproveitou o desnivel do terreo para poder artellar o remate do manancial e favorecer a recollida da auga. Trátase pois dunha fonte de mina que consiste nun sistema de captación en horizontal. Actualmente o estado que presenta non é o máis adecuado, posto que foi obxecto de diversas actuacións realizadas nas últimas décadas e que contribuíron a modificar a fisonomía orixinal dela.
Destacan dous aspectos. O primeiro é que por riba dela, e dándolle sombra, vemos un magnífico exemplar de loureiro real, especie que soe ir en simbiose coas vellas fontes e mananciais de raigame popular, tratándose dun elemento vexetal que lle confire unha graza e personalidade á fonte. O segundo aspecto é que nun lateral da mesma existe un pousadoiro realizado cunha laxe de lousa, disposta en horizontal, na base dun oco en forma de campá a modo de fornela, concibido para pousar as sellas e os baldes de "ir pola auga", que na Terra de Melide soían ser de zinc.
Outro dos elementos a destacar é o valado lateral que se sitúa a continuación da fonte, baixando cara ó Camiño de Santiago, que consiste nun muro de contención feito con pedra de cachote, para evitar deslizamentos de terra do camiño máis elevado (sendo este o trazado da vía de peregrinaxe). O muro apenas pode verse por estar practicamente oculto pola vexetación herbácea e arbustiva.
Polo demais indicar, que a fonte como foi obxecto de diversas actuacións que procuraron máis a funcionalidade que a estética, apenas presenta maior interesa patrimonial, máis alá da utilidade que aínda desenvolve, que non é outra que a de servir de abastecedora de augas para os veciños de Furelos así como para os peregrinos que discorren pola variante francesa. Tamén se destaca, por riba de todo, que sempre se presumiu da calidade e frescura das súas augas.
A esta fonte de Furelos non se lle coñecen propiedades terapéuticas nin tampouco un folclore vinculante.