Cruceiro de Brañas

Cruceiro de Brañas

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
Brañas
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
43º 0´ 14,76´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 46,90´´ W
X: 
585.874,94
Y: 
4.761.808,64
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro de Santa Mariña de Brañas sitúase na actualidade na ampla explanada de cemento do Campo da festa, xusto ó carón dun poste do tendido eléctrico, o que contribúe a restarlle dignidade e mesmo supoñéndolle un importante perigo no caso de producirse danos no propio tendido. Mesmo tamén pode dar lugar a que se poida subir polos entalles do poste chegando incluso a poder tocarse a cruz. Pero en orixe este cruceiro situábase nunha encrucillada moi próxima á igrexa paroquial de Santa Mariña, mentres que na actualidade se sitúa a 215 metros ó norte da mesma.

Este cruceiro de escaso porte consta de catro elementos: pedestal, varal, capitel e cruz. 

O pedestal é de feitura tosca de forma troncopiramidal, coas arestas moi redondeadas e desgastadas. Aséntase na actualidade directamente sobre o chan de formigón do Campo da festa, polo que a súa estabilidade non está garantida por tratarse dun pedestal pousado sen anclar.

O fuste ou varal é de sección octogonal co remate superior e inferior de sección cadrangular.

O capitel é moldurado carente de figuración.

Por último a cruz pode tratarse dunha réplica da orixinal, posto que se aprecia que a súa realización é moito máis recente. Consiste nunha cruz lisa cunha aureola central na intersección dos paos e con senllas caras recrucetadas.

A este cruceiro acódese en procesión  os días 18 e 19 de xullo, coincidindo coa festividade de Santa Mariña a patroa da parroquia.

BIBLIOGRAFÍA:

 - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, publicado no ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado o ano 2011.

 

Outros elementos do catálogo