Conxunto de arquitectura tradicional na Vista Alegre

Conxunto de arquitectura tradicional na Vista Alegre

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa Rañadoiro - Melide
Cronoloxía: 
Século XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 3,51´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 2,82´´ W
X: 
580.193,31
Y: 
4.752.137,39
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Nalgúns barrios da vila de Melide aínda perviven mostras da arquitectura popular que evidencian a súa orixe e pasado agrícola. Probablemente onde se fan máis evidentes é na zona da Vista Alegre e na do Campo Grande, outrora concibidos como lugares periféricos do núcleo urbano, pero que co crecemento urbanístico da vila quedaron englobados na trama urbana.

No caso que nos ocupa, no da Vista Alegre, estamos ante un escenario de manifesto interese histórico, xa que na encrucillada de camiños que aínda hoxe se mantén, bifurcábanse senllos ramais fundamentais de comunicación entre a vila de Melide e outros focos de poboamento. Así pois pola rúa da Vista Alegre discorría o trazado do antigo Camiño Real que ía dende Ourense cara á Coruña e polo outro vial, o da rúa Rañadoiro, existía o camiño que ía cara Teixín, Os Ánxeles e Sobrado dos Monxes (“año de 1793, …está dentro en el Coto de San Cibrao y de dho marco que para el Camino que ba de Teijín para Mellid hasta el Rañadorio…”). Aínda que seguindo pola rúa do Rañadoiro antes de cruzarse coa do Pilar tamén vemos mostras de arquitectura tradicional propia destas áreas, ó certo é que na propia encrucillada onde temos a mostra máis característica, posto que vemos unha casa en esquina complementada por unha eira e diversas edificacións adxectivas (hórreo e palleira).

A casa en si constitúese como un fermoso expoñente da arquitectura tradiconal realizada en aparello de cachote concertado, neste caso de gneis, un tipo de rocha asociada ó substrato xeolóxico da zona das Cazallas, San Cibrao e áreas adxacentes. Trátase dun aparello de boa calidade que ofrece un bonito contraste cromático que oscila entre os tonos terra e grises, e tamén pola singularidade deste tipo de rochas coñecidas popularmente como ollo de sapo, polos glándulos ocelares ou oculados dos seixos que contén.

A edificación de vivenda, por adaptarse a un escenario de bifurcación de viais amosa un esquinal de liña sinuosa e redondeada, evitando o emprego dunha solución en ángulo que neste caso houera sido demasiado agudo. Esta mesma solución atopámola noutros puntos do tecido urbano de Melide, tla é o caso dun inmoble sito na confluenza da rúa do Castelo coa das Ichoas ou tamén na calexa que vai dende a rúa Principal ata a de San Antón que vai a dar á parte traseira do albergue de peregrinos, neste último caso adaptada á conxunción entre á propia calella e unha praciña cega a modo de recanto.

Voltando á Vista Alegre vemos como a vivenda se artella en dous niveis ou andares nos que se da a circusntancia de que conta con máis vanos (a xeito de portas e ventás) na planta inferior respecto á superior. Vemos como a nivel de rúa existen catro aperturas, na planta baixa, que dan á rúa da Vista Alegre, consistentes en dúas ventás rectangulares e verticalizadas a ambos lados de dúas portas xemelgas que serven de acceso á vivenda. Cara ó camiño do Rañadoiro ábrese unha pequena ventá de servizo ou funcional que chama a atención por abrirse nun extremo dunha fachada manifestamente de peche, no que o uso dos vanos se ve minimizado. Xa por último e cara á eira ábresen nesa mesma planta inferior dúas portas xemelgas moi próximas entre si, sucedidas por unha ventá pequena.

No andar superior ábrense cara á rúa da Vista Alegre, senllas ventás ubicadas na zona dos extremos da planta. Cara á rua Rañadoiro ábrese unha ventá xusto na mesma vertical que a da planta baixa. E na eira ábrese outra ventá situada sobre o machón existente entre a segunda das portas e a ventá do piso inferior.

Na pequena eira mantéñense en pe un hórreo de dúas estremas realizado en cantería de granito e carpintería de madeira propia da tipoloxía máis común de construción de hórreso na Terra de Melide. E tamén se conserva nun estado precario a vella edificación concibida coma pendello e corte e que tamén tería uso de palleira. Trátase dunha edificación de dúas alturas en cuxa palnta baixa se ubicarían as cortes dos animais e o almacén de avenios da labranza, mentres que a planta superior faría as veces de palleira e almacén do produto da casa.

A eira aparece pechada por un valado de cachote counha apertura de acceso na que existe unha vella cancela feita con paos ou varas de madeira.

Probablemente este conxunto se trata do máis fermoso e característico dese Melide rural no que aínda a pesar da necesidade e procura da funcionalidade e dos usos cotiás, non se descoidaba a estética e o equilibrio, sendo testemuña duns tempos nos que aínda non existían os conceptos do feísmo urbanístico. Tamén chama a atención por tratarse dun conxunto que reflicte por unha banda unha certa austeridade conceptual pero ó mesmo tempo dunha certa entidade e mesmo certa capacidade económica, posto que o porte é notable e porque conta con edificacións adxectivas testemuñas dunha certa capacidade no produtivo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Melide vello". Publicado no Boletín nº  do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 2003.

Outros elementos do catálogo