Desaparecida igrexa de San Vicenzo de Ribadulla

Desaparecida igrexa de San Vicenzo de Ribadulla

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Vicenzo de Ribadulla
Situación detallada: 
Gosenxe
Cronoloxía: 
Século XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 7,42´´ N
Lonxitude: 
8º 5´ 55,26´´ W
X: 
573.641,17
Y: 
4.744.780,54
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Situada a unha distancia duns 500 mts. ó sur-suroeste da aldea de Gosenxe, topónimo de claras reminiscencias xermánicas, emprázase a vella aldea de San Vicenzo de Ribadulla, anegada polas augas do encoro de Portodemouros no ano 1967. Nese emprazamento da ribeira do Ulla, onde as augas do Beseña desembocan nel, situábase unha antiga aldea ou poboado que servía de paso de barcas entre as veigas de Santiso e as da veciña parroquia de San Miguel de Agra, no concello de Agolada. 

Baixo as augas do encoro quedan as vellas casas da aldea, ademais de muíños e unha ponte, que son visibles as súas ruínas cando baixan as augas nos meses da seca. Na parte máis elevada do lugar, convertida na actualidade nunha península, erguíase a vella igrexa parroquial e o seu camposanto, que por atoparse nun plano de nivel máis alto, as ruínas permanecen á vista case a totalidade do ano, agás cando o encoro acada o seu volume máximo de ocupación estimado en 297 hm3. 

Cando se procedeu á construción do encoro en vez de trasladar as igrexas parroquias da ribeira do Ulla, que ían verse afectadas polo anegamento do val, procedeuse a edificar unhas novas en estilo moderno e carentes de interese artístico e estético, tal aconteceu nas veciñas parroquias de Brocos (Agolada) e Viñós (Arzúa). 

As referencias documentais da parroquia retrotráense a tempos moi antigos, xa que Ribadulla aparece citada nun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes co topónimo de Ripa Uliae e coñecida como San Vicente do Barco xa dende o século XIII. Ese topónimo "do barco" é unha inequívoca referencia a eses antigos pasos de barca existentes nas cuncas dos ríos principais do país, tales como o Miño ou o Sil. Eses pasos traducíanse nun importante nó de comunicación entre comunidades existentes en zonas de cursos anchos de río, nos que non existían infraestruturas de paso tipo pontes. 

Por desgraza a vella igrexa de San Vicenzo non foi trasladada, e paulatinamente a edificación foi esmorecendo, debido a que tamén foi aproveitada como canteira de pedra para futuras edificacións, unha vez que a igrexa se desconsagrou e perdeu o culto.

Na actualidade aínda resulta claramente identificable a pranta do templo, tanto nas fotos aéreas nas que se definen perfectamente as súas dimensións e pranta, coma in situ posto que resulta visibles entre os entullos de pedra de lousa os alicerces e  as primeiras fiadas dos muros, realizados en cachotaría moi ben disposta en ringleiras horizontais con pasadores (pedras dispostas de través para garantizar a estabilidade do aparello). Por sorte grazas á xenerosidade de Begoña López Martínez, podemos amosar unha fotos da igrexa datadas no anos 1963, poucos anos antes da súa desaparición. Vese que se trataba dunha igrexa cun amplo desenvolvemento en pranta, disposta en tres espazos: o primeiro deles (o occidental) correspondente coa nave cuberta a dúas augas e cun saínte cara ó sur, posiblemente concibido como capela lateral. a continuación da nave sucédelle un presbiterio de pranta cadrangular, máis elevado ca nave e cuberto a catro augas, con remates de pináculos no cumio e no remate das vertentes, e tamén un tercero espazo (no extremo leste) que pode ser entendido como unha cabeceira ou Capela Maior, ou tamén coma unha sancristía, tellada a dúas augas a unha altura equiparable á da nave.

Nas fotos vese como os muros estaban revocados e pintados ou encalados en branco e tamén no frontis existía unha porta rectangular alintelada e que sobre o cumio dispúñase unha espadana sinxela cunha troneira para a campá, e que por fora dela existía unha segunda campá suspendida sobre o tellado da igrexa, ou iso é o que se desprende da foto sacada dende o sur, na que se aprecia a igrexa "de perfil".

Na actualidade aínda se pode ver un nicho de cemento situado no extremo sur do adro, que estaba pechado por un valo de cachotaría. Nas fotos antigas tamén pode verse que había nichos no extremo norte dese mesmo adro. 

Hoxe en día, nos meses nos que o encoro presenta pouco caudal de augas, reuslta moi interesante a visita a estes vellos asentamentos da ribeira do Ulla, nos que ademais das casasdas aldeas poden verse  antigas pontes como a de Busel, nesta mesma parroquia, sobre o Beseña, ou tamén as impresionantes ruínas da aldea do marquesado de Brocos en Agolada. Así mesmo na veciña parroquia de Viñós (Arzúa), onde un antigo couto situado nun meandro do río Iso quedou convertido nunha illa, tamén se poden ver antigas edificacións anegadas, as que aínda nestes tempos continúan a ser desmontadas para aproveitar as pedras das vellas paredes. Curiosamente a antiga igrexa parroquial de San Pedro de Viñós continúa en pe, en grave estado de abandono e semirruína, posto que a pesar de que as augas do encoro non ían chegar ata tan arriba, como o asolagamento afectaba a varios lugares da parroquia e supoñendo que o vello templo quedaba nun lugar moi descentrado, constrúese unha nova igrexa no ano 1970.  

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

- Cacheda Vigide, Eduardo Aurelio: "La religiosidad popular en Galicia. El municipio de Arzúa", publicado no ano 1991.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Memonia do patrimonio desaparecido na Terra de Melide. Parte 1ª- o patrimonio relixiosos", publicado no blog do Museo da Terra de Melide: museodaterrademelide.blogspot.com, ano 2016.

Outros elementos do catálogo