Cruceiro de Orois
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro de Orois sitúase nunha encrucillada de camiños existente na carballeira da festa, a escasos metros da igrexa parroquial de Santa Cristina. Correspóndese cun cruceiro de feitura recente, aínda que imita pautas de cruceiros tradicionais datados no século XIX/inicios do XX. Este cruceiro como refire Xosé Manuel Broz, substitúe a un de cemento existente ata a década dos anos 80, que foi cambiado por iniciativa do párroco e dos veciños. O anterior, segundo o mesmo autor, contaba cunha grada de cemento e outra de pedra, cun pedestal cúbico tamén pétreo e con fuste e cruz de cemento (que anteriormente era de madeira).
O actual aséntase sobre unha plataforma de tres gradas (cuxa primeira bancada está concibida para salvar o desnivel do terreo) con disposición piramidal que serve de asento dunha basa moldurada con escocia no tramo central. O fuste que lle sucede é de sección ochavada con estremos cadrangulares. O capitel é moldurado e de planta cadrada. A cruz carece de figuración polo que as súas dúas caras son lisas. A sección da mesma é cadrangular coas arestas sesgadas. Os paos da cruz presentan remate florenzado, a imitación de modelos recorrentes nesta bisbarra.
Refire Broz Rei que faise procesión ata o cruceiro pola festividade de Santa Cristina, o 24 de xullo, e tamén polo San Miguel celebrándose o domingo seguinte ó día da festividade que cadra o 29 de setembro.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide". Publicado no ano 2001
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novos cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011