Casa de Belmil

Casa de Belmil

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de Belmil
Situación detallada: 
Belmil
Cronoloxía: 
Século XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 43,88´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 27,33´´ W
X: 
575.624,30
Y: 
4.745.926,95

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

 A Casa de Belmil, a pesar das desafortunadas "reformas" das que foi obxecto, amósase como un soberbio inmoble con porte de casa grande ou solariega. 

Correspóndese cunha sólida arquitectura de planta rectangular e con dúas alturas. Está realizada en aparello moi ben coidado de cachotareía, aínda que nas portas, ventás, esquinais e cornixa do tellado emprégase o aparello de boa pedra de canteiría, realizada mediante grandes sillares de granito. 

Na planta baixa destácase unha porta arquitrabada, na que no seu lintel reprodúcese un arco conopial rematado por unha flor de lis. No piso superior é de destacar a pedra de armas ó carón dunha das fiestras. O blasón artéllase en dúas pezas, na superior aparece unha M coroada sobre cinco troitas dos Vaamonde e flanqueadas por sendas cruces de Malta, todo elo rodeado pola lenda "BAAMONDE AGVIARE". Na peza inferior represéntase sobre unha cartela enrolada nos terminais, a aguia coas ás despregadas dos Aguiar, pousando as súas garras sobre axedrezado (composto por oito escaques en disposición vertical) e flanqueados por dous animais fantásticos afrontados.  

Esta casa fidalga, pertencente ós Aguiar e ós Vaamonde, foi residencia de xuíces e escribáns das xurisdiccións de San Antoíño de Toques, do Coto de Furelos e tamén da xurisdicción de Abeancos. De feito en Belmil estivo a sé da Casa da Audiencia da xurisdicción de Abeancos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

- Taboada Roca, Antonio: "Notas históricas" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo