Igrexa de San Xoán de Arcediago

Igrexa de San Xoán de Arcediago

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Xoán da Ponte Arcediago
Situación detallada: 
Agro do Chao
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 50´ 38,48´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 16,16´´ W
X: 
578.623,86
Y: 
4.743.942,84
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A parroquia de San Xoán de Arcediago, tamén coñecida como da Ponte Arcediago, é unha parroquia antiga xa nomeada no ano 1225 nun documento do Mosteiro de Sobrado dos Monxes como Pontem de Archidiácono. 

A igrexa actual foi edificada no ano 1977, como refire Broz Rei "despois de derrubarse no inverno, construíndo o edificio actual". Pero anteriormente houbo unha igrexa anterior que sufriu diversas reedificacións. En orixe foi de fábrica románica datada a finais do século XII ou comezos do XIII, e desa edificación so se conserva unha peza correspondente ó remate dunha xanela, a xeito de lintel en arco de medio punto, con seis doelas debuxadas mediante o trazo de cinco riscos ou sucos incisos, e marcados por unha chambrana decorada con nove billetes. Esta peza apareceu cando se reedifica a igrexa ó desfacerse a arquitectura de comezos do século XX. Desas últimas obras fálase no Libro de Fábrica nos seguintes termos: "1905... construcción del ensanche de la iglesia... dos luces y dos arcos".

Broz Rei fala de distintas reedificacións posteriores á fábrica orixinal: "pois no ano 1796 reedifícase a Capela Maior; no ano 1876, estando a igrexa chea por unha festividade, derrubouse a tribuna e non houbo nin feridos, cousa que se considerou excepcional;  logo foi reedificada no ano 1977...". Do acontecemento do desplome do coro alúdese no Libro de Fábrica que: "se desplomó la tribuna con la gente que contenía y no hubo más desgracias que una mujer herida en la cabeza y una niña de seis o siete años herida en la frente... estando la iglesia, tribuna y atrio apiñadas de gente el día de la Encarnación de Nuestro Señor Jesucristo, festividad que se celebra anualmente en esta iglesia...". 

Na actualidade a fábrica resposta á reedificación que se fixo dende ese colapso que se produciu no inverno de 1977, e a edificación non destaca por un esmero no seu deseño. Consiste nunha edificación de planta rectangular cuberta a tres augas.

O seu interior correspóndese cun único espazo no que non existe transición entre a nave e o presbiterio, como acontece na igrexa parroquial de San Román. Tampouco conserva o seu retablo, estando substituído por imaxes soltas colocadas sobre peanas, e datadas nos séculos XVIII e XIX. O antigo retablo databa do ano 1799.

O frontis, ou fachada principal, foi executado mediante o emprego de canteiría de granito de aserradoiro de pedra, e conta cun deseño que reinterpreta os modelos de igrexas rurais datadas nos séculos XVIII e XIX no que se refire ó esquema compositivo, pero cunha maior esquematización e liñealidade. Presenta unha porta rectangular moldurada, aletóns con sobrepenas voadas e rematadas con pináculos piramidais e espadana con dúas troneiras para campás e ático con frontón triangular picudo, remarcado por dous pináculos e coroado por unha cruz. Na base da fachada aínda se conservan dous pináculos e unha pía pertencentes á fábrica de fins do século XVIII.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel. "Novas aportacións ó Románico da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº1 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide. Ano 1982.

-Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei". Ano 2001.

-Broz Rei, Xosé Manuel. "Santiso na Terra de Abeancos". Ano 2013.

 

Outros elementos do catálogo