Cruceiro de Serantes

Cruceiro de Serantes

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santaia de Serantes
Situación detallada: 
Serantes
Cronoloxía: 
Século XIX-XXI

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 18,05´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 2,77´´ W
X: 
578.892,55
Y: 
4.747.017,89
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este cruceiro sitúase nunha encrucillada de pistas con forma triangular, e a unha distancia de 45 mt. ó Oeste-Noroeste da igrexa parroquial de Santaia de Serantes.

Ó igual que lle aconteceu a outros moitos cruceiros desta comarca, resultou seriamente danado pola embestida dun vehículo, debido ó tránsito rodado tan frecuente nestas encrucilladas de pistas, que outrora foron cruces de camiños ou de corredoiras. Neste caso supuxo a fractura completa do varal e da cruz, que aínda que imitando o modelo orixinal son de feitura recente (por iso na cronoloxía desta ficha situamos o cruceiro no século da s úa labra orixinal e o do da súa recomposición ou restitución dos elementos fragmentados).

O cruceiro consta de catro elementos: basamento, fuste, capitel e cruz.

O basamento correspóndese cun bloque monolítico de pedra de feitura cadrangular toscamente labrado, que amosa nos seus esquinais superiores (noroeste e suroeste) importantes perdas de material debido posiblemente a embestidas antigas.

O fuste ou varal, hoxe restituído imitando ó modelo antigo, presenta sección cadrangular nos extremos, e tamén cadrangular pero coas arestas en chafrán en todo o desenvolvemento central.

O capitel é o orixinal e conta con planta cadrada e perfís moldurados. 

A cruz foi realizada a imitación da orixinal, sendo esta moi estilizada e de sección estreita, cos remates florenzados e arestas dispostas completamente en chafrán, xerando unha sección en rombo, que parte na súa base dunha sección cadrada. Esta cruz é moi semellante á do cruceiro da parroquia de San Xoán de Arcediago, coa que comparte moitas analoxías, tanto nesta cruz coma no fuste e capitel, polo que non se descarta unha mesma autoría. Os anacos da antiga cruz deste cruceiro de Serantes atópase fragmentada contra o basamento, no lado occidental do mesmo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado o ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo