Parte de Escudo franciscano

Información

Tipo: 
Elemento singular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa de San Antón, 9
Cronoloxía: 
Século XVII-XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 52,83´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 2,37´´ W
X: 
580.207,30
Y: 
4.751.808,14
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na rúa de San Antonio, pola que discorría o trazado da antiga cerca medieval de Melide, atopámonos cunha propiedade pechada por unha tapia elevada de pedra, que abrangue o curro da casa de Lavandeira (unha casona que se sitúa na Praza do Pozo Pequeno).

A portada do curro destaca polas súas dimensións, pola conservación das dúas follas da porta de madeira, con decoración casetonada e polo  enmarque de pedra de cantería que constitúe a súa arquitectura, no que se pode apreciar claramente o emprego de aparello reaproveitado.

A peza máis destacada é un sillar situado na xamba dereita a unha altura de 188 cm dende o pavimento da rúa. Esta peza rectangular que mide 82 cm de ancho por 44 cm de alto, amosa un motivo decorativo moi ben elaborado e definido.

Este motivo e a súa decoración inducen a atribuílo a unha parte do antigo escudo da portada do Convento Franciscano de Sancti Spíritus da vila de Melide, desaparecido a partir da Desamortización de Mendizábal, no ano 1835, e da conseguinte exclaustración dos frades da Orde terceira Franciscana.

Broz Rei considera que esta peza sería unha 6ª ou 8ª porción do escudo e que correspondería a un flanco.

No extremo e ó carón dun campo liso, debúxase parte dunha orla con moldura de baquetón, decoración que se complementa cun motivo vexetal a modo de palma que se engarza cun motivo cordado , que se asocia co cíngulo ou cordón franciscano (aínda que Broz Rei o identifica coas contas do rosario de San Francisco).

Sobre este sillar e por debaixo, se conservan outras dúas pezas con encaixe nun dos seus ángulos, o que induce a pensar a que tamén formarían parte en orixe do mesmo emblema.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Dúas pezas illadas: escudo franciscano”. Publicado no Boletín nº 13 do CEM-MTM, ano 2000

- Felpeto García, Antonio: “O escudo da Terceira Orde Franciscana”. Publicado no Boletín nº 9 do CEM-MTM, ano 1995.

Outros elementos do catálogo