Cruceiro de Vilouriz

Cruceiro de Vilouriz

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santiago de Vilouriz
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XX (década dos 40-50)

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 38,71´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 7,17´´ W
X: 
586.858,84
Y: 
4.755.155,37
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro de Vilouriz sitúase nunha encrucillada de pistas ó carón da igrexa parroquial. 

Trátase dun cruceiro bastante sinxelo, que foi realizado segundo refire Broz Rei polo canteiro Xosé Torres "o Cambote", alcumado así porque viñera da Terra de Camba (Rodeiro) quen "ademais de bo ferreiro, aínda era mellor canteiro, músico de acordeón e clarinete que facía conxunto con Anxel Mañá de San Xiao". O mesmo autor tamén da conta que en Vilouriz houbo varios canteiros (sobre doce). Este canteiro tamén realiza o cruceiro de Saamil, sito na veciña parroquia de Vilamor (un cruceiro ergueito porque ó parecer alí faleceu un home e instálase dito cruceiro na súa memoria). 

O cruceiro de Vilouriz garda unha orientación acorde coa planta da igrexa parroquial, no que atinxe á colocación da cruz e do pousadoiro situado na súa base. Compre indicar que este cruceiro perdeu esbeltez xa que o seu basamento se atopa parcialmente soterrado, ó estar incrustado no pavimento de formigón da encrucillada. Conta cun pedestal cúbico monolítico coas arestas redondeadas por desgaste, e ó seu carón presenta un pousadoiro ou mesa de altar orientado cara ó leste, que pouco sobresae da rasante do terreo debido a unha elevación do nivel do pavimento do vial. O pousadoiro consta de tres pezas consistentes en dous perpiaños de canteiría colocados de canto e dun mesado correspondente a unha peza rectangular que fai de tampa.  

O fuste ou varal é de sección ochavada cos extremos en sección cadrangular.

O capitel, é de sección cadrada e perfís moldurados en caveto, semellante ó de Saamil e o de Vilamor.

A cruz é lisa de sección rectangular, coas arestas lixeiramente redondeadas, e carece de figuración e de ornamentación, agás un remate superior en forma de esférica.

Resulta interesante xa que é dos poucos cruceiros da Terra de Melide dos que se coñece a súa autoría, Xosé Torres, quen ademais é autor dunha "artística fonte cunha cabeza, en Vilouriz". 

Broz Rei refire que se fai procesión ata o cruceiro o 20 de maio coa celebración na honra da Virxe de Lourdes e 25 de xullo pola celebración do santo patrono desta parroquia, Santiago Apostol.

BIBLIOGRAFÍA:

 - Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1985.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011.

Outros elementos do catálogo