Obra Pía de San Antón
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Edificación de carácter pacego, aínda que na realidade non se corresponde cun pazo propiamente dito, senón co edificio mandado construír polo arcebispo don Mateo Segade Bugueiro como Obra Pía ou institución benéfica (escola para o ensino de nenos pobres).
As obras inícianse no ano 1671 e o deseño das mesmas atribúese ó arquitecto Domingo de Andrade, ó igual que a autoría do retablo.
O edificio consta de dúas partes diferenciadas, capela e zona de residencia. A capela consta dunha soa nave de planta rectangular, cuberta por unha bóveda de canón. No interior son moi destacables dous cenotafios (enterramentos conmemorativos), do fundador Mateo Segade Bugueiro, e do seu sobriño Antón Varela Segade (cabaleiro da Orde de Santiago e primeiro patrono rexedor da Obra Pía), son do mellor da escultura funeraria galega barroca, obra de Mateo de Prado.
Na fachada destácase a torre de estilo compostelán, semellante á do colexio de Fonseca, e a portada feita en orde clásica, na que se destacan os curiosos capiteis que sosteñen o entablamento e un frontón partido no que se sitúa o escudo do arcebispo.
Na portada da zona de residencia (pazo), destácanse os escudos do cabaleiro Antón Varela Segade e da súa dona María Teresa de Velasco (marquesa de Salinas do Río Pisuerga).
No ano 1860 adquire este edificio o Concello de Melide, para instalar nel a Casa Consistorial. Nos anos 70 sofre unha reforma interna moi agresiva que supón o desmantelamento do patio e da monumental escalinata.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Vila de Melide", ano 2016.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.
- Cotarelo Valledor, Armardo: "Lembranza biográfica de Don Mateo Segade Bugueiro" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.
- Lence Santar, Eduardo: "La Obra Pía de San Antonio de Mellid". Publicado no ano 1928. Recollido no Boletín nº 22 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2009.