Cruceiro de Vitiriz
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro sitúase ó carón da pista asfaltada que discorre ó lado da igrexa de San Vicenzo de Vitiriz ou de Rocamador. Esa pista probablemente se corresponda co itinerario orixinal do Camiño Francés, posto que esa hipótese xustificaría a presenza da igrexa protogótica de San Vicenzo (na que se conxugan elementos do Románico e do Gótico), e onde curiosamente se venera á Virxe de Ròc Amadour, cuxo santuario de ubica na localidade francesa do mesmo nome na rexión do Mediodía-Pirineo francés. Cabe por tanto considerar que o culto á Virxe de Racamador proveña do paso de peregrinos franceses. Dese xeito non é descabellado considerar que o Camiño discorrera orixinalmente por Baladás, San Vicenzo e Rocamador.
O cruceiro ubícase concretamente nunha encrucillada da pista asfaltada e un carreiro de terra disposto perpendicularmente ó anterior.
Este cruceiro en orixe debeu estar emparentado tipolóxicamente co de Santa María dos Ánxeles (Melide) e co de San Xoán de Visantoña (Santiso), segundo a clasificación establecida por Xosé Manuel Broz no seu estudio sobre os cruceiros da Terra de Melide.
Do cruceiro de Vitiriz so se conservan dous elementos orixinais: a plataforma ou basamento e o pedestal, xa que tanto o varal, o capitel e a cruz son de feitura actual e que substituíron a outros mesmos elementos realizados en cemento (doados por Don José Montero Garea no ano 1940), que se realizaron unha vez que se perderon os antigos por causas descoñecidas.
A plataforma consta de dúas gradas de perfil en bocel, tendo que adaptarse a inferior ó desnivel existente no terreo mediante un basamento corrido de cachotaría. Compre indicar que tanto no caso da primeira e da segunda grada aprécianse importantes fracturas, precisamente no lateral que asoma á pista asfaltada, debido seguramente a embestidas de vehículos e maquinaria mecánica, chegando mesmo a faltar algunha peza no esquinal do chanzo inferior.
O pedestal é a peza máis singular deste cruceiro, xa que presenta forma trocopiramidal en cuxas caras aparecen reproducidos os atributos da paixón e nos ángulos aristados reprodúcense catro caveiras. Nun dos lados, o que mira ó camiño asfaltado, represéntase un hisopo, unha escada e unha coroa de espiñas de forma anular. E noutra das caras reprodúcense as tenaces, tres cravos e un martelo.
Sobre o pedestal dispóñense os elementos de feitura actual, un basa achatada e moldurada, un fuste estriado, un capitel de follas e unha cruz de remates florenzados.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.