Pazo de Vilar de Ferreiros

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Xoán de Visantoña
Situación detallada: 
Vilar de Ferreiros
Cronoloxía: 
Século XVII- XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 54,51´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 0,85´´ W
X: 
573.499
Y: 
4.746.231,65

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Trátase do pazo máis espectacular, completo e mellor conservado da Terra de Melide. O seu bo estado de conservación débese a que foi restaurado integramente para convertelo nun moderno complexo hosteleiro, mantendo os elementos estruturais antigos.

Trátase dun pazo “de manual”, que consta de casa grande con torre, capela, hórreo, pombal e fonte.

Conserva na base da torre unha porta de arco apuntado de época baixo medieval, podendo corresponderse cunha edificación anterior ou ben da desaparecida Torre de Moreda.

No conxunto arquitectónico destácase a monumental portada do século XVIII co escudo dos Soutomaior e dos Pimentel. Na casa destácase a torre almenada de dous corpos (reedificada en dúas ocasións entre os anos 1704-1706 e a comezos do século XIX) e a solaina porticada con columnas e varanda de balaustres e cunha monumental escaleira. Baixo a solaina desenvólvese un corredor de acceso ás adegas e aberto ó patio mediante  arcadas de medio punto.

No interior destácase o salón con ampla cheminea e un escudo da familia Pimentel.

A capela dedicada a San Roque, servía de panteón familiar.

Destaca tamén, no interior do patio, unha fonte barroca mandada construír por Don Luís Tirso Pimentel, artífice da restauración integral do pazo no ano 1704.

Lenda asociada:

Do tellado que cubre a solaina parte unha cadea grosa e longa, que baixa ata o patio. Se alguén a colle obtén o dereito á asilo e refuxio que outorga a casa.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", ano 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O Pazo de Vilar de Ferreiros; Grafismos en Furelos e Vilar de Ferreiros". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

- Taboada Roca, Antonio: "Cotos y jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros".  Publicado en 1927 e recollido integramente no Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

 

Outros elementos do catálogo