Cruceiro de Campos

Cruceiro de Campos

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Campos
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Século XVII

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 1,26´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 38,40´´ W
X: 
578.048,02
Y: 
4.750.192,27
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este cruceiro parroquial sitúase na carballeira do campo da festa, ó carón da muralla do Castro de Campos, e a unha distancia de 70 metros ó surleste da igrexa parroquial. Vemos por tanto que o lugar de Eirexe, no que so existe unha vivenda, conta con tres interesantes elementos patrimoniais.

Segundo o estudo sobre os cruceiros da Terra de Melide de Xosé Manuel Broz, este encádrase na tipoloxía C, emparentado cos cruceiros de Santa María de Melide, San Cosme de Abeancos (situado moi preto, na parroquia veciña) e o de San Salvador de Abeancos, xa que todos eles presentan pautas e características moi semellantes.

O cruceiro de Campos conta con tres elementos: pedestal, fuste e cruz, vemos por tanto que carece de capitel e de plataforma ou graderío.

A basa ou pedestal ten forma troncopiramidal, e as súas caras reproducen os atributos da Paixón de Cristo, aínda que algúns resultan de difícil visualización debido ó desgaste producido por factores erosivos. Algúns dos que se poden identificar son: martelo, corazón, tres cravos, tenaces e unha escada.

O fuste ou vara é de raigame renacentista, ó ser estriado e con boceis entre o estriado da metade inferior. No remate presenta un colariño circular con perfil en baquetón, e como xa se sinalou carece de capitel, existindo no seu lugar un aro de ferro a modo de abrazadeira. 

A cruz é de deseño sinxelo, e lineal. No anverso, mirando cara á igrexa aparece a figuración  en baixorrelevo de Cristo crucificado, coa cabeza ladeada cara á dereita e con aureola ou limbo, e sobre ela aparece a cartela co acónimo INRI, e nos extremos do traveseiro da cruz a inscripción: "ANO DE 1832", que fai referencia á data dunha modificación e arranxo posterior. O reverso da cruz carece de figuración.

No anverso do Cruceiro hai un pousadoiro ou altar de fábrica actual. 

Segundo refire Broz Rei o cruceiro estivo policromado en cores verde, azul e rosado e que se fai procesión ata el na festividade da Virxe do Carme (16 de Xullo) e tamén na do Corpus Christi. 

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel. ""Os Cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudos Melidenses- Museo da Terra de Melide. Novembro, 1983.

-Broz Rei, Xosé Manuel. " A Terra de Melide, de Xosé Manuel Broz Rei (edición particular). Melide, 2001.

Outros elementos do catálogo