Xacemento Arqueolóxico de O Castelo

Xacemento Arqueolóxico de O Castelo

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Melide
Cronoloxía: 
Idade do Ferro, Idade Media, Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 49,96´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 9,38´´ W
X: 
580.049,41
Y: 
4.751.717,77
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

En pleno casco urbano de Melide sitúase, na súa banda de poñente un outeiro natural que é testemuña do devir histórico da vila, ó tempo que se traduce no elemento de principal relevancia arqueolóxica e histórica da mesma.

Neste enclave elevado asentáronse distintas fórmulas de ocupación: Castro na Idade do Ferro e na Romanización, Castelo na Baixa Idade Media, emprazamento dunha capela no século XVIII, e dun camposanto no século XIX. Poderíase incluír tamén o itinerario actual do trazado do Camiño de Santiago, mais nese aspecto non se vai poñer énfase posto que históricamente está documentado como dito trazado nunca se produciu polo alto do Castelo, senón pola Rúa de San Antonio e polo Camiño de Sabián, sito ó pe do outeiro pola súa banda norte.

Do seu pasado castrexo hai testemuñas varias: no Museo da Terra de Melide consérvase un bo número de pezas datadas en fases da Cultura Castrexa e de periodización Galaico-Romana, atopadas de xeito casual en diversos traballos de laboreo e de movemento de terras, como poden ser os desafortunados desmontes producidos na banda noroccidental do outeiro, nas proximidades da intersección de estradas en Santa María de Melide e ó carón do referido Camiño de Sabián. Igualmente se ten documentado algunha estrutura arqueolóxica e materiais nunhas sondaxes valorativas realizadas nun solar ubicado na banda oriental, na zona de conexión coa trama urbana da vila, xa no remate da Rúa Principal. E tamén hai referencias documentais deste asentamento castrexo facilitadas por Florentino Cuevillas no Terra de Melide (1933).

No citado libro Cuevillas denomínao Castro de Melide e na descrición  xa da conta que “No recinto aplainado de que denantes falamos e que aparez nos documentos máis antigos ca verba castro, ergeuse un Castelo da mitra compostelán, que existía xa no século XII. Iste Castelo está oxe por completo derrubado e no seu canto óllase unha eirexa barroca que foi construída no ano 1750. Perto da eirexa acotouse terreo pra un camposanto é, á beira de il e ocupando seguramente lugares abranguidos pol-a acrópole protohistórica, hai eidos e casas que borran por compreto  todo resto de fortificación pol-o norte e oeste. Parez ser que foi n-iste castro onde se asoellaron os restos de cerámica decorada que figuran na coleición Álvarez Carballido”. (Compre resaltar que o devandito xacemento foi inicialmente documento polo erudito local Eduardo Álvarez Carballido, quen realiza no ano 1907 un ilustrativo “Mapa prehistórico de la Villa de Mellid y sus alrededores”, publicado no artigo “Protohistoria” no Boletín da Real Academia Galega, volume II, nº 12).

Respecto á configuración castrexa non resulta doado establecer as súas dimensións e morfoloxía, posto que por diversas accións de índole varia, principalmente derivadas da edificación do Castelo e das, aínda hoxe perceptibles, accións de acondicionamento dos terreos para aproveitamento agrario, traducidas nun sistema escalonado de bancadas existentes pola banda norte e oeste, traducíronse en axentes altamente destrutivos do asentamento castrexo, o que habería que engadir todas aquelas accións de índole urbanística e de dimensión devocional que se foron sucedendo ó longo dos séculos.

Como resulta case imposible, como sostén o propio Cuevillas cando di que “apréciase soio unha área apranada e un terraprén que a cingue polas bandas do sul e do leste e cuio alto maiximo é de 20 metros”, engadindo que as dimensións “non permite tomalas nin aproiximadamente o estado de ruiña da acrópole”.

Na actualidade o que si se pode definir é un outeiro de forma máis ou menos oval, cun desenvolvemento maior no eixo LNL-OSO que acada uns 300 metros de lonxitude aproximada, e un segundo eixo desenvolto no eixo NNO-SSL que acada os 210 metros de longo, comprendido este entre o Camiño de Sabián  e a estrada de Santiago á altura da Codeseira. A elevación acada un máximo de 470 metros, respecto ós 454 que se rexistran na Praza do Convento, como se indica nunha placa instalada na fachada da Casa do Concello.

O asentamento conta cunha parte máis elevada e aplanada ou amesetada, na banda oriental cadrando co emprazamento da Capela do Carme e do cemiterio municipal. Pola banda de poñente, pola contra, o relevo vai descendendo de cota de xeito progresivo, nunha sucesión de bancadas, a xeito de terrazas que se van desenvolvendo dende a zona do camposanto cara o cruce de Santa María, ó igual que acontece polas bandas norte e sur, pero en menor grao de sucesión de escalonado.

Como xa se indicou foi en época medieval, posiblemente no século XIII cando se ergue a fortificación propiedade da Mitra compostelá, aínda que hai autores que levan a súa edificación a séculos anteriores. Mais é sabido como así o indica a documentación, en base ás testemuñas do Pleito Tavera-Fonseca, que a comezos do século XIV o arcebispo Rodrigo de Padrón ordena levantar unha torre de tres sobrados no alto do Castelo e tamén como nos interrogatorios do pleito se conclúe que tiña “una vara de casa alta que tenía cuatro o cinco sobrados [...] e que era de piedra menuda en las ventanas e puertas e esquinas della, de piedra de grano, e que alrededor de dicha vara de casa, había unas casas e palacios de morada, terrenas, donde vivían e se acogían e que el sitio estaba todo cercado con una barbacan de abaxo en la puerta por donde entraban, e que alderredor de la dicha cerca, había algunas casas terreñas, e la dicha vara de casa, era cubierta o tejada con teja”.

Tamén do Castelo se sabe que foi a principal fortaleza existente no territorio xurisdicional da Mitra Compostelá, como se deduce do auto do Pleito Tavera-Fonseca, tamén que foi nel onde no ano 1402 fai testamento Gonzalo Ozores de Ulloa en favor do seu primoxénito Lope Sánchez de Ulloa, e tamén como foi parcialmente demolido nos episodios da 2ª Revolta Irmandiña, que mesmamente foi xestada na propia vila de Melide, nunhas reunións nas que acude o máis representativo da sociedade galega do momento, ás que mesmo concorren o Conde de Monterrei Sancho de Ulloa e Diego de Andrade.

Mais fundamentalmente a desaparición total do Castelo semella estar relacionada co episodio da reedificación da igrexa conventual de Sancti Spiritus de Melide, levada a cabo no ano 1498, baixo o mecenado de Sancho de Ulloa, unha vez que as pedras da fortificación foron reaproveitadas para as referidas obras da igrexa do convento.

Sen entrar en moitas máis consideracións, cabe sinalar que foi no ano 1749 cando se erixe a Capela do Carme no alto do Castelo debido ás devocións das xentes da vila e, das prédicas do carmelita Frei Colmenero e do apoio incondicional do párroco Blas Núñez de Segade, ou como foi no ano 1845 cando se establece o novo camposanto da vila ó carón da capela, en detrimento do cemiterio parroquial existente onde a antiga igrexa de San Pedro de Melide e do lugar de soterramento temporal habilitado ó carón da antiga Capela de San Roque.

Xa por último indicar que o Castelo foi sempre lugar de lendas, folclore e devoción, non en van o propio Cuevillas fala de que “no Castro hai soterráneos e hai tamén tres trabes, unha de ouro, outra de prate e de alquitrán a terceira, se o buscador de tesouros atopa ista trabe ou viga, o lume que se arma destruie todo”. Tamén Vicente Risco e Amador Rodríguez recollen no Terra de Melide, episodios devocionais relacionados coa Capela do Carme e na tradición oral da vil aparece como tema recorrente a existencia de alomenos dous pasadizos que atravesan o outeiro.

Na actualidade o Castelo segue a ser unha paraxe de fonda significación relixiosa, devocional e mesmo espiritual para os veciños de Melide, sendo lugar de especial de veneración por acoller a Capela unha Virxe do Carmelo tan milagreira, que como ben di a copla” Nosa Señora do Carme, dende o alto do Castelo, cubre a Melide de noite, debaixo do seu mantelo”.

 

BIBLIOGRAFÍA:

-Álvarez García, Xulio: “Melide: a formación urbana en cinco imaxes”. Publicado en Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “As igrexas de Melide”. Publicado en Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado en Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Melide medieval”. Publicado en Boletín nº 14 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “O Melide vello”. Publicado en Boletín nº 16 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2003.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santispiritus de Melide”. Publicado no 2004.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Vila de Melide”. Publicado no ano 2016.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Monumentos de Melide na época: tres posibles escenarios da Asemblea en Melide no ano de 1520”. Publicado no volume “A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide”. Editado polo Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega, ano 2021.

- Hermida Rodríguez, Antonio: “Mellid hace mil años”. Publicado no Libro de Festas do San Roque, ano 1981.

- Hermida Rodríguez, Antonio: “Primeros cien años del Mellid de la Nueva Puebla. 1212-1316”. Publicado no Libro de Festas do San Roque, ano 1984.

- Hermida Rodríguez, Antonio: “Amurallamiento del Burgo de Mellid”. Publicado no Libro de Festas do San Roque, ano 1985.

- López Cuevillas, Florentino: “Prehistoria de Melide”. Publicado no Terra de Melide do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Risco, Vicente e Rodríguez, Amador: “Folclore de Melide”. Publicado no Terra de Melide do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Taboada Roca, Antonio: “Notas históricas”. Publicado no Terra de Melide do Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

- Taboada Roca, Manuel: “O antergo Castelo de Melide”. Publicado en Boletín nº  do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Vázquez Neira, Cristina: “Castro de Melide”. Publicado en Boletín nº 21 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2008.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “A vila de Melide entre fins do século XV e principios do XVI”. Publicado no volume “A unha voz na metade do Reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide”. Editado polo Parlamento de Galicia e o Consello da Cultura Galega, ano 2021.

 

 

Outros elementos do catálogo