Cheminea dos Mouros

Cheminea dos Mouros

Información

Tipo: 
Patrimonio natural
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Vimianzo
Situación detallada: 
Monte da Cebreira
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 13,25´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 10,10´´ W
X: 
580.067,80
Y: 
4.748.734,17
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Cheminea dos Mouros correspóndese cunha formación xeolóxica natural producida mediante fenómenos erosivos. Trátase dun elemento da paisaxe moi sobranceiro, cuxa forma caprichosa probablemente deu lugar a ser bautizada cun nome tan gráfico: por un lado o de "cheminea" debido a súa forma estilizada, esbelta e prominente, e por outra banda esa alusión ou atribución "ós Mouros" leva a vinculala cunha das figuras máis características e intrínsecas do noso imaxinario popular. É ben sabido que a este pobo mítico do folclore galego, que acostuma vivir baixo terra, maniféstase por ser unha raza de seres argallantes e inquedos que ademais de aparecérselle ós mortais, tamén son os responsables da elaboración e construción de canto monumento antigo se ergue polo país (a eles se lle atribúe a construción de monumentos megalíticos, castros, castelos, pontes,...e tamén de elementos naturais sobranceiros da paisaxe).

Na liña do anteriormente exposto non resulta nada raro atoparnos perante penedías destacadas polas súas dimensións e formas, ás que a tradición popular oral deu por asignar a este pobo mítico imaxinario, ó coidar que a súa feitura tiña que deberse a estes seres argalleiros e non ós fenómenos naturais que producen a erosión sobre elementos xeolóxicos (vento, auga, pedrisco,...). Na Terra de Melide existe outro exemplo moi coñecido da atribución dunha forma xeolóxica caprichosa a eses seres mitolóxicos, a renomeada Pena Moura da Moruxosa no Bocelo, ou tamén o xacemento altomedieval da Torre dos Mouros, en Sobrado dos Monxes, caracterizado por estar encadrado nunha especie de acrópole natural formada por enormes afloramentos graníticos.

No caso da Cheminea dos Mouros, a pesar de ser unha forma natural moi destacada, non goza da notoriedade dos dous exemplos anteriores, aínda que se atopa nun enclave moi próximo a núcleos de poboación (O Rechinol, Teillor, Reboredo ou Vimianzo), e mesmo a pouca distancia da vila de Melide. Tamén resulta curioso ese descoñecemento xa que se atopa na marxe sur do Río Furelos, no seu curso baixo, onde se construiu a principios do século XX (ano 1909) a presa da Central Eléctrica do Rechinol, que case todo o mundo coñece. 

A "Cheminea" encádrase nunha paraxe moi fermosa, de alto valor ambiental e paisaxístico, nunha zona de val moi pechado e abrupto no que o curso do Furelos discorre entre cantís moi altos e escarpados, nos que agroman bloques de rochas ultrabásicas (anfibolitas, dunitas e serpentinitas), producindo formas moi accidentadas e caprichosas, sendo unha das máis destacadas ésta da que estamos a falar. Esta formación sitúase a unha distancia de tan só 55 metros ó norleste do xacemento arqueolóxico de "Os Castelos", vinculado tamén a un amplo afloramento rochoso de superficie aplanada e proxectado directamente sobre o escarpe, e que pode tratarse dun asentamento de época medieval que na actualidade presenta máis interrogantes ca respostas.

Ambos elememtos da paisaxe, Os Castelos e a Cheminea, chamaron a atención do médico e historiador melidao Don Eduardo Álvarez Carballido, unha das figuras máis eruditas e sobranceiras da historia local, a quen tanto lle debemos. A estas formacións naturais e arqueolóxicas dedicoulles un artigo no Boletín de la Real Academia Gallega, do ano 1913 no nº 75 desa afamada publicación.

Respecto á Cheminea compre acentuar que se corresponde cun esbelto e exento bloque rochoso que mantén un equilibrio inestable e que se proxecta directamente sobre a vertente. A forma, a pesar de amosarse como moi suxestiva, non presenta ningún tipo de alteración ou acción antrópica, senón que dita forma peculiar resposta á acción de fenómenos erosivos, pero a mellor maneira de referirse a ela e describila é botar man das verbas de Don Eduardo Álvarez Carballido: "La primera (Os Castelos) se levanta en la orilla del río; arranca perpendicular y se eleva casi hasta la cima de la montaña, empotrada en la misma por su parte posterior, y aislada por el frente y parte superior de ambos lados. La otra (a Cheminea dos Mouros) es una gran roca, cuya rara formación geológica hace dudar si la mano del hombre ayudó en su trabajo a la naturaleza: tal es la forma de disgregación que en ella se observa; aparece horadada en toda su altura, formando una rústica chimenea, utilizada de tiempo inmemorial por los pastores, únicos visitantes de aquel inculto monte, para encender fuego y calentar sus miembros ateridos por el húmedo cierzo, que en los crudos días del invierno les obligaba a abandonar momentaneamente sus rebaños".

BIBLIOGRAFÍA:

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Castelos e a Chimenea dos Mouros do Rechinol, suxestivos topónimos nos que se agocha un xacemento arqueolóxico". Boeltín nº 25 do Centro de estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os mouros na Terra de Melide I: A Cheminea dos Mouros do Rechinol". Publicado en GaliciaEncantada.com, agosto 2016.

Outros elementos do catálogo