Hórreo no Ribeiro
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na aldea do Ribeiro de Abaixo, na coñecida como Casa de Vilariño, atopámonos cun característico modelo de hórreo elevado sobre a portada de acceso á eira da propiedade, que se abre á pista que dende a Martagona leva ata a estrada de San Salvador, pola que discorre o trazado do Camiño Primitivo de Santiago.
Trátase dun hórreo de reducidas dimensións e dunha soa estrema ou tramo, que se ergue sobre o muro de aparello de cachote que forma a portada de acceso á propiedade, destacándose que no machón do lado esquerdo se integran as escaleiras dun so tramo que serven para acceder á estrutura do hórreo.
O hórreo resposta ás pautas máis estendidas pola Terra de Melide, nas que para a súa execución se combina a pedra (para os elementos sustentantes verticais) e a madeira (para o mesado e peche da cámara). Así basicamente indicar que conta con pes ou perpiaños de perfís moldurados, que serven de apoio ós tornarratos e tamén das ucheiras ou columnas. O sistema de peche constituído polos ladeiros e a porta do testeiro realízase mediante listóns de madeira dispostos en vertical e xunguidos por barretas horizontais.
A cuberta susténtase por un mesado ou padias realizado en carpintería de madeira sobre o que se asentan as tellas curvas tradicionais. Nun dos extremos do cumio érguese unha cruz de ferro sobre a que se pousa a figura dun galo a xeito de veleta cimeira.
Ademais deste hórreo destácase a existencia dun forno con remate absidal, como é habitual nos exteriores das cámaras de cocción dos fornos domésticos que tamén se pode contemplar ó carón da pista asfaltada que pasa por diante da propiedade.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.
- Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas na Terra de Melide (VI)”. Publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.